[29-12-2012] A concellaría de Deporte, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), puxo en marcha un ano máis unha campaña de recollida de xoguetes. Grazas á solidariedade dos veciños e veciñas amienses e o traballo da Oficina de Voluntariado de Ames uns 280 nenos e nenas disporán dun agasallo o día de Reis. Durante esta semana catro voluntarias e os técnicos da OVA estiveron realizando a selección dos xoguetes e elaborando os paquetes que serán entregados nos próximos días. Ademais, unha parte dos xoguetes que recompilaron os establecementos hostaleiros Don Budi e Bobber foron cedidos ao Concello de Ames para que os reparta entre os rapaces e rapazas amienses.
A Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), puxo en marcha o pasado mes de novembro unha nova edición da campaña de recollida de xoguetes. Este ano, baixo o lema en Ames todos xogamos, regala un mundo mellor, recolléronse un gran número de xoguetes para entregar entre a poboación máis necesitada do concello e sensibilizar a xente de que doar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que nos molestan na casa, senón que hai que poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade de balde.
Para evitar que estes nenos e nenas non gocen destas datas, o Concello de Ames apostou un ano máis por realizar unha colecta de xoguetes para que os meniños e meniñas máis necesitados de Ames poidan ter un bo día de Reis. Este ano, a Oficina de Voluntariado tamén contou coa colaboración dos locais hostaleiros Don Budi e Bobber Café, que organizaron a súa propia campaña de recollida de xoguetes. Posteriormente, unha parte deste xoguetes cedéronllos a Oficina de Voluntariado para que os repartiran entre os nenos e nenas con menos recursos do Concello.
Durante esta semana catro voluntarias estiveron realizando a selección dos xoguetes que se atopan en bo estado e empaquetáronos con papel de agasallo. Tamén se encargaron de ordenalos segundo a idade do neno/a ao que vai dirixido cada xoguete. Nestas tarefas tamén traballou o persoal da Oficina de Voluntariado de Ames.
Finalmente, os agasallos acabarán o 6 de xaneiro baixo a árbore de Nadal de preto de 300 rapaces e rapazas que debido aos seus diversos problemas son usuarios frecuentes dos servizos sociais do Concello e contan cun seguimento persoal por parte destes servizos. As persoas que desexen obter máis información deben dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) chamando ao teléfono 662 377 044, ou ben preguntar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Uns 280 nenos e nenas terán un agasallo a través da campaña de recollida de xoguetes que organizou o Concello de Ames"
El Correo Gallego: "Navidad desbordada de juguetes en Ames"
La Voz de Galicia: "Casi 300 niños de Ames tendrán un regalo de Reyes solidario"




