[12-09-2016] Un total de 2.497 nenos e nenas do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os colexios do concello, a escola de educación infantil do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas con total normalidade. Ademais, esta mañá estreouse unha nova distribución da dársena de autobuses que presta servizo ao CEIP da Maía. Deste xeito, estableceuse unha fila única de autobuses en vez das dúas que existían o curso pasado. O xoves 15 comezará o curso no IES de Ames, en Bertamiráns, e no IES do Milladoiro.
Os rapaces e rapazas chegaron con ilusión e nervios ás portas dos colexios. Numerosos pais e nais acudiron cos seus fillos e fillas aos centros de ensino para guialos no seu primeiro día de curso e, para moitos e moitas, no seu inicio na escola. Para garantir a seguridade de todos os amesáns, a Policía Local estableceu un dispositivo especial nos diferentes colexios que funcionou correctamente, evitando a aglomeración de vehículos diante dos centros de ensino. Así, a xornada de inicio do curso de 2016-2017 transcorreu con total normalidade e sen ningún tipo de incidente.
Por outra banda, cómpre destacar que esta mañá estreouse unha nova distribución da dársena de autobuses do CEIP da Maía. Despois das probas realizadas o curso pasado, hoxe por primeira vez estableceuse unha fila única de autobuses, en vez das dúas que existían anteriormente. Durante o mes de agosto a Xunta de Galicia estivo realizando obras de mellora do firme da estrada AC-544, que une Bertamiráns e Negreira, e o Concello de Ames acondiciouno co pintado da dársena de autobuses e as prazas de aparcamento.
Número de alumnos/as por centros
No CEIP da Maía os nenos e nenas reuníronse no patio do centro escolar, onde os profesores e profesoras os distribuíron en grupos en función dos cursos escolares. En total, o centro educativo conta con 665 matriculados para o curso escolar 2016-2017. As aulas do CEIP Agro do Muíño acolleron esta mañá a 475 alumnos e alumnas que comezaron as clases, mentres que no CEIP de Barouta son 262 os nenos e nenas matriculados para este curso.
Por outra banda, no CEP de Ventín hai 584 alumnos e alumnas matriculados, mentres que na EEI do Milladoiro comezaron o curso un total de 288 rapaces e rapazas. As clases tamén deron comezo nas escolas unitarias. A escola de Covas recibiu a 14 nenos e nenas, mentres que a da Tarroeira acolleu na mañá de hoxe a 12 cativos/as. Por último, no colexio Alca esta mañá comezaron as clases un total de 197 alumnos/as.
Campaña sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil
Asemade, o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 18 de setembro. A Policía Local de Ames colaborará no control do uso do cinto e dos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.





