Pestanas principais

Uns 200 rapaces e rapazas da EEI Milladoiro participaron na actividade "Coñece a túa Aula da Natureza"

Venres, 15 de abril de 2011

[15-04-2011] Continuando a ronda de visitas guiadas á Aula da Natureza para mostrarlle os seus contidos aos alumnos e alumnas dos centros educativos de Ames, este mércores e xoves foi a quenda de 200 nenos e nenas de 4 e 5 anos da Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Guiados pola técnica municipal encargada desta aula e acompañados pola concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente -Úrsula Seijas- coñeceron os contidos da aula, así como da horta e os paneis informativos que están expostos no seu interior. Así, dende a inauguración o pasado 20 de marzo o Concello está organizando diferentes excursións a este novo espazo para promocionar o seu uso entre os máis novos do concello, xa que a Aula da Natureza pretende ser un instrumento a través do que o Concello promova a educación ambiental dos máis novos e novas da Ames.

Organizados en dúas quendas, 200 rapaces e rapazas de 4 e 5 anos da Escola de Educación Infantil do Milladoiro visitaron o mércores e o xoves o novo edificio da Aula da Natureza inaugurado o pasado 20 de marzo e que dende entón a través do programa "Ven coñecer a túa aula" pretende achegarse aos máis novos do concello para promocionar entre estes os seus múltiples usos. Divididos en catro grupos por quenda, guiados pola técnica do concello encargada da aula e acompañados pola concelleira de Medio Ambiente -Úrsula Seijas- os nenos e nenas coñeceron o novo edificio, os seus contidos interiores e exteriores.

A coordinadora da Aula da Natureza explicoulles cales eran as diversas árbores froiteiras que hai na horta, así como as distintas herbas aromáticas alí plantadas e levounos onda o panel informativo da entrada, onde aparecen fotos de distintos animais e ensinoulles de que especies se trataba e as súas características e hábitats.

Xa dentro do novo edificio, mostroulles os contidos da exposición "O ecosistema fluvial" -cedida pola estación de hidrobioloxía Encoro do Con da Universidade de Santiago de Compostela- co que se pretende dar a coñecer os diferentes elementos que conforman estes ecosistemas e as funcións que dende un punto de vista medio ambiental cumpren cada un deles. Para recalcar a importancia destes espazos, a coordinadora fixo un pequeno exercicio de recreación cos nenos e nenas: mandoulles pechar os ollos e imaxinar o río, a fauna que onda el habita e a flora que o rodea.

Para rematar, e como agasallo, repartiuse entre os cativos e cativas unha unidade didáctica relacionada cos métodos de aforro de enerxía que puideron ler e colorear, afondando deste xeito no espallamento de condutas sostibles no que ao uso da enerxía na vida diaria se refire e aprendéndolles tamén os distintos métodos e tecnoloxías de obtención de dita enerxía -enerxías altamente contaminantes derivadas do uso do petróleo ou renovables derivadas do uso da auga, do aire ou dos raios solares-, apostando así pola concienciación dos máis novos e novas na necesidade de combinar as diversas enerxías e aforrar no seu uso para evitar a sobre-explotación dos recursos naturais e medio ambientais.

A Aula da Natureza e o seu contorno están pensadas como unha ferramenta didáctica onde poder apreciar cuestións básicas sobre enerxías renovables, adecuación á paisaxe, reutilización de augas grises, etc. Para isto, este espazo conta con diversos elementos de bioconstrución e cun sistema de depuración de macrófitas en suspensión.