Pestanas principais

Uns 20 artesáns e produtores agrícolas participaron no mercado “ArteSan”

Sábado, 25 de maio de 2013

[25-05-2013] O paseo fluvial de Bertamiráns acolleu este sábado, 25 de maio, un mercado denominado “ArteSan”, no que se puideron adquirir diferentes artigos de artesanía e produtos da horta de proximidade. Foron moitos os veciños e veciñas que se achegaron ao longo de toda a xornada ata o paseo fluvial de Bertamiráns para interesarse por esta iniciativa que estivo organizada pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e que contou coa colaboración do Concello de Ames. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e as concelleiras de Atención e Mediación Parroquial, María Carmen Verde, e de Medio Ambiente, Cultura e Deportes, María Eugenía Martín, visitaron este mercado. Entre as 11:00 h e as 21 horas houbo 20 postos que ofertaron produtos artesanais e de horta. Ademais, o longo de todo o día realizáronse diversas actividades gratuítas relacionadas co comercio xusto, cultivos ecolóxicos e actuacións musicais.

Un total de 20 artesáns e produtores agrícolas, a maior parte pertencentes ao concello de Ames e a diferentes localidades da comarca de Santiago de Compostela, participaron este sábado, 25 de maio, no mercado “ArteSan”, que estivo situado no Paseo fluvial de Bertamiráns. Tanto os expositores coma o público asistente coincidiu en valorar de xeito moi positivo a elección do paseo fluvial como lugar para desenvolver este tipo de mercado. Así mesmo, manifestaron o desexo de participar en futuras edicións do mercado "ArteSan" neste mesmo espazo.

O bo tempo permitiu que moitos veciños e veciñas de Ames se achegasen ata o paseo fluvial para interesarse polas actividades e produtos que se ofertaron dentro desta iniciativa. Os produtos que se puxeron a venda foron froitas, verduras, hortalizas, complementos, téxtil, cosmética natural, xoias, etc. Ademais, ao longo de toda a xornada desenvolvéronse actividades gratuítas nas “jaimas” municipais, que estiveron situadas no paseo fluvial. 

As actividades gratuítas desenvolvéronse ao longo de todo o día. Unha das actividades que máis expectación espertou foi o concerto para bebes e nenos/as "A cantar e a xogar". Esta actividade tivo unha hora de duración e desenvolveuse entre as 12:00 h e as 13:00 horas. O concerto, no que participaron un gran número de familias amienses, foi impartido Marcela Rubiano.

Xa pola tarde, as actividades gratuítas continuaron ás 18:00 horas coa elaboración de mesas de cultivo por conta de Madreselva Xardinería Ecolóxica. Para esta iniciativa, que se estendeu ata as 19:00 horas, foi necesaria inscrición previa o mesmo día do mercado no propio stand de Madreselva. Neste obradoiro participaron arredor de 20 persoas. Por último, as actividades relacionadas co mercado “ArteSan” remataron ás 20:00 horas cun concerto de “cuencos tibetanos”, que correu a cargo de Gabriela Acosta.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El paseo de Bertamiráns divulgó la artesanía y huerta que atesora Terras"