Pestanas principais

Uns 100 nenos e nenas do CEP de Ventín visitan a Casa do Concello para coñecer de preto o seu funcionamento

Martes, 26 de marzo de 2019

Arredor dunha centena de alumnos e alumnas pertencentes aos catro grupos de cuarto de educación primaria do CEP de Ventín achegáronse ata a Casa do Concello para coñecer máis polo miúdo o seu funcionamento. Durante a súa visita, o alumnado descubriu como transcorren os plenos, o traballo que realizan os edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. Dous dos grupos visitaron o edificio esta mañá mentres que a outra metade achegouse o pasado martes 12. Durante as visitas, os nenos e nenas deste centro de ensino participaron nun pleno escolar no que presentaron diversos rogos e preguntas ao goberno municipal. Esta actividade enmárcase dentro da programación anual deste colexio.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu este mes de marzo a visita do alumnado de cuarto curso do CEP de Ventín. En dúas quendas realizadas entre hoxe e o martes 12, os rapaces e rapazas puideron coñecer de man do rexedor José Miñones cuestións como o funcionamento dos plenos, os grupos políticos con representación na Corporación municipal, e a distribución dos concelleiros en cada unha das cadeiras do salón de plenos. Trala explicación, tivo lugar un pleno escolar no que se realizou unha sesión de rogos e preguntas, durante a que os cativos/as puideron presentar as súas dúbidas e peticións.

Entre os temas sobre os que o alumnado se interesou atopáronse cuestións como o plan de prevención de incendios forestais, as pistas de tenis de Aldea Nova, a poboación do concello, a apertura do centro de saúde do Milladoiro, queixas sobre o estacionamento de vehículos nas paradas de autobuses ou os plans para novas zonas de recreo no Milladoiro. Así, os encargados de ofrecer respostas ás cuestións xurdidas esta mañá foron tanto o alcalde como os concelleiros de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, e de Promoción Económica e Turismo, Isabel González.

Ao finalizar, José Miñones fíxolle entrega ás profesoras dun libro con fotografías do concello, mentres que os rapaces e rapazas recibiron agasallos como bolígrafos e marcapáxinas para recordar a súa visita. Estas excursións enmárcanse dentro da programación anual deste colexio, e buscan complementar a formación recibida nas aulas. Así, nas últimas semanas os escolares estiveron tratando nas aulas o funcionamento das entidades locais e o sistema de elección dos gobernos, así como o padrón e o censo municipal durante as clases de ciencias sociais.

Ligazóns

Uns 100 nenos e nenas do CEP de Ventín visitan a Casa do Concello para coñecer de preto o seu funcionamento

Multimedia

  • Uns 100 nenos e nenas do CEP de Ventín visitan a Casa do Concello para coñecer de preto o seu funcionamento
  • Uns 100 nenos e nenas do CEP de Ventín visitan a Casa do Concello para coñecer de preto o seu funcionamento
  • Uns 100 nenos e nenas do CEP de Ventín visitan a Casa do Concello para coñecer de preto o seu funcionamento
  • Uns 100 nenos e nenas do CEP de Ventín visitan a Casa do Concello para coñecer de preto o seu funcionamento