Pestanas principais

Uns 100 karatecas competirán este domingo, 27 de abril, no VI Trofeo de Kárate Concello de Ames

Sábado, 26 de abril de 2014

[26-04-2014] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá este domingo, 27 de abril, unha nova edición do Torneo de Kárate Concello de Ames, no que participarán tres clubs de Ames e da comarca. Trátase dun torneo triangular no que competirán arredor de 100 deportistas das categorías que van dende benxamín ata xúnior (feminino e masculino). O torneo comezará ás 17:00 horas e está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 17 anos que competirán nas modalidade de kata individual e kumite. Esta competición está organizada polo Club Deportivo Karate Ames en colaboración co Concello de Ames.

O pavillón polideportivo de Bertamiráns será a sede, un ano máis, do Torneo de Kárate Concello de Ames. Nesta ocasión o público asistente poderá gozar da exhibición da modalidade de kata individual e dos combates na modalidade de kumite. Arredor de 100 deportistas xuntaranse neste torneo que se desenvolverá a partir das 17:00 horas. Os amantes desta actividade, así como os curiosos aos que lles guste este deporte tan vistoso, teñen unha cita con esta arte marcial esta fin de semana en Bertamiráns.

Neste torneo xuntaranse tres clubs da comarca. Este ano realizarase un torneo triangular entre o Club Deportivo Karate Ames, o Club Avalon Kai de Santiago de Compostela e o Club Kárate Valga. Os participantes teñen entre 5 e 17 anos de idade e divídense en diferentes categorías que van dende os benxamíns ata os xúniors. Os karatecas competirán tanto na modalidade de kata (formas) coma na modalidade de kumite (combate). Haberá competición tanto na categoría feminina coma na masculina.

A competición levarase a cabo nas modalidades de kata (exhibición) e kumite (combate en xaponés). Na primeira modalidade os participantes compiten en solitario, nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, levando a cabo movementos de defensa e contraataque. Neste tipo de exercicios mídese a potencia, a calidade técnica e a destreza do participante nos seus movementos.

Na modalidade de kumite competirase en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces irán en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, está prohibido tocar o casco do rival, prevéndose sempre a protección da integridade física dos participantes. A competición organizarase de xeito que se levarán a cabo todas as probas de cada categoría e a entrega dos trofeos destas antes de lle dar paso á seguinte.