[26-11-2016] A partir deste luns, 28 de novembro, a Unión de Consumidores de Galicia ofrecerá á veciñanza amesá asesoramento en materia de consumo en espazos cedidos polo Concello situados en Bertamiráns e no Milladoiro. Os técnicos da UCGAL atenderán ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Mentres que en Bertamiráns, as oficinas están instaladas no Pazo da Peregrina, e atenderán os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Se acaso, esta organización non descarta ampliar o horario para adecualo á demanda dos veciños e veciñas do concello.
UCGAL considera que o asesoramento presencial, un dos eixos principais sobre os que se articula o seu traballo, é fundamental. Cada caso presentado será estudado e a persoa usuaria informada das distintas vías de reclamación das que dispón en eidos que van desde o sanitario ó eléctrico pasando polo bancario ou o das telecomunicacións. As consultas poderanse realizar de forma presencial ou telefonicamente.
O Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia asinaron un convenio no pasado mes de setembro, a través do cal o consistorio se comprometía a cederlle espazos -un no Milladoiro e outro en Bertamiráns- para que esta organización levase a cabo o seu labor de asesoramento. Este acordo xorde do impacto que as problemáticas relacionadas co eido do consumo teñen na cidadanía e da necesidade de proporcionarlles as ferramentas necesarias para facerlles fronte.
Por último, cómpre destacar que coa sinatura de dito acordo a UCGAL comprometeuse a prestar asistencia ao Concello de Ames na confección, elaboración e modificación das tarifas de servizos públicos. Así mesmo a organización impartirá dúas actividades formativas ao ano dirixidas tanto a colectivos específicos como ao público xeral. Neste senso hai que dicir que no pasado mes de outubro xa se organizou unha sesión informativa sobre o pago dos dereitos de autor.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames cede locales a la Unión de Consumidores para asesorar a la población"




