Pestanas principais

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” estará en Bertamiráns os días 11, 13, 14 e 17 de outubro

Mércores, 07 de setembro de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, informa de que unha unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” estará os días 11, 13, 14 e 17 de outubro na praza de Chavián, en Bertamiráns, no lateral do centro de saúde. Trátase dun programa da Xunta de Galicia que ofrece servizos gratuítos de estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía ás persoas maiores de 55 anos. Para acceder ao servizo cómpre solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben no enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Unha unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” da Xunta de Galicia vai estar en Bertamiráns os días 11, 13, 14 e 17 de outubro, co fin de prestar servizos asistenciais para a prevención da dependencia á poboación maior de 55 anos. Desta forma, a veciñanza de Ames poderá gozar de atención especializada en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

Neste senso, e solicitando cita previa, poderase acceder a diferentes coidados nas tres áreas. No servizo de podoloxía farase unha consulta básica de podoloxía; unha valoración do estado xeral do pé; corte e limpeza de unllas; eliminación de durezas, calosidades e helomas. En audioloxía, realizarase unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva. Ademais, no ámbito da estimulación da memoria, levarase a cabo unha valoración cognitiva e achegaranse pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro, en caso de habelo.

Para máis información sobre este servizo e para solicitar cita previa, pódese chamar aos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben escribir ao enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

O  programa “Coidados Porta a Porta”, da Xunta de Galicia, está financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), da Unión Europea, transferidos a Galicia polo Goberno de España e que son os que están facendo posible a oferta de servizos e inversións tan útiles como pode ser este programa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Llegan los cuidados de la memoria, oído y pies que beneficiaron ya a 20.000 gallegos"

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” estará en Bertamiráns os días 11, 13, 14 e 17 de outubro

Multimedia

  • A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” estará en Bertamiráns os días 11, 13, 14 e 17 de outubro