Pestanas principais

A unidade móbil de inspección técnica de ciclomotores estará este xoves 12 de marzo en Bertamiráns

Mércores, 11 de marzo de 2015

[11-03-2015] A unidade móbil de inspección técnica estará este xoves, 12 de marzo, en Bertamiráns para realizar inspeccións técnicas periódicas de ciclomotores de dúas rodas e máis de tres anos de antigüidade. Tamén realizará inspeccións de motos e quads de máis de catro anos de antigüidade. As inspeccións realizaranse na explanada do pavillón polideportivo de Bertamiráns, en horario de 9:00h a 13:30 horas e de 15:15h a 18:00 horas. A cita previa poderá concertarse a través da páxina web www.sycitv.com ou no teléfono 902 309 000. Aos vehículos que se presenten sen cita previa asignaráselles día e hora de atención ao público directamente na estación móbil, segundo a dispoñibilidade do servizo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o bando sobre a unidade móbil de ciclomotores.

Dende a entrada en vigor do Real Decreto 711/2006 todos os ciclomotores de dúas rodas e máis de tres anos de antigüidade están obrigados a realizar unha inspección técnica periódica. Co fin de que a cidadanía amesá non teña que desprazarse ata as estacións fixas de inspección técnica habilitáronse varias unidades móbiles que se desprazan por toda a xeografía galega.

Como no resto dos vehículos, na inspección de ciclomotores obsérvanse as condicións relativas á seguridade viaria, protección do medio ambiente, inscricións regulamentarias e reformas de importancia. Todos os usuarios deste servizo teñen que entregar a documentación do ciclomotor no momento da revisión.

Na inspección técnica aos ciclomotores, ademais das comprobacións que se realizan no alumeado, sinalización, freos, dirección, suspensión, eixes, rodas e pneumáticos, tamén se realiza unha medición, tanto do ruído producido polo ciclomotor, de forma que este no exceda en máis de catro dB(A) ao valor de homologación ou 91 dB(A) en caso de que este se descoñeza, como dos gases emitidos polo tubo de escape. Así mesmo, determinarase a velocidade máxima que pode alcanzar o ciclomotor, a cal no excederá dos 62 Km/h no banco de rodillos libres.

Cada unha das unidades de inspección móbiles para ciclomotores están montadas nun pequeno camión cunha caixa cerrada, dotada de ramplas laterais para que accedan os ciclomotores e unha porta lateral dedicada a atención dos clientes. Cada camión conta cun sistema informático, dotado dos seguintes equipos: ordenadores, impresoras láser, e impresora de tícket. Tamén dispoñen de varios equipos de inspección como un regloscopio, un frenómetro de motos informatizado, un velocímetro de motos informatizado, un analizador de gases de escape, un sonómetro e un tacómetro igualmente informatizados.