Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estivo por primeira vez na parroquia de Biduído

Xoves, 02 de febreiro de 2012

[02-02-2012] A parroquia de Biduído recibiu por primeira vez a unidade móbil de doazón de sangue. A concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, acordou xunto coa representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino, o incremento do número de puntos de doazón de sangue en Ames e a parroquia de Biduído foi un dos lugares escollidos polo Concello para establecer este mes ese novo punto de doazón. Deste xeito, as unidades móbiles visitarán a partir de agora unha vez ao mes os diferentes núcleos urbanos e parroquias amienses. Os novos puntos de doazón nas parroquias irán rotando de forma que cada certo tempo o bus da doazón visitará urbanizacións e zonas do rural. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Sanidade, Eugenia Martín e o concelleiro de Cultura , Alfonso Rey visitaron a unidade móbil que se achegou a Biduído. Ao igual que o fixeron varios veciños, Santiago Amor tamén doou sangue.

Esta semana, Bertamiráns e Biduído recibiron, o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro, respectivamente, a unidade móbil de transfusión. Foi a primeira vez que se estableceu un punto de doazón na parroquia de Biduído, froito do acordo establecido pola concelleira de Sanidade, Eugenia Martín, e a representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino.

Ames é un dos concellos da comarca cun maior índice de participación nas campañas de doazón que desenvolve o Centro de Transfusión de Galicia. O ano pasado rexistráronse en Ames arredor de 1.250 doazóns de sangue, o que supón un incremento superior ao 20% na participación con respecto ao ano 2010. A taxa rexistrada é dunhas 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estivo hoxe en fronte á farmacia de Biduído en horario de 18:30 h a 21:00 horas e recibiu a visita do alcalde, Santiago Amor, e dos concelleiros Eugenia Martín e Alfonso Rey.

Requisitos para doar sangue

Todas aquelas persoas que teñan intención de doar sangue deberán cumprir unha serie de requisitos entre os que destacan: ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 kg, ter comido e non doar dende fai dous meses. No caso de achegarse a doar despois do xantar é conveniente esperar dúas horas para facelo e sempre é recomendable ter algo no estómago cando se vai facer a doazón. Os homes poden doar ao ano un máximo de catro veces mentres que as mulleres poden facelo en tres ocasións.