[13-02-2013] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase este xoves e venres ata O Milladoiro para que os veciños e veciñas desta localidade e do resto do municipio poidan doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. Todos os interesados/as en doar sangue poderán achegarse á unidade móbil en horario de tarde, entre as 15:30 h e as 21:00 horas. O autobús estará situado na rúa Cruxa ao lado do supermercado El Árbol.
A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense. De feito, esta semana o autobús desprazarase ata O Milladoiro en horario de tarde. A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará situada na rúa Cruxa, ao lado do supermercado El Árbol, o xoves 14 e o venres 15 de febreiro, entre as 15:30 h e as 21:00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas o emprego das unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns. Nesta ocasión terán a oportunidade de doar todos os veciños e veciñas do Milladoiro e de Bertamiráns que así o desexen.
Todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial xa que, grazas a inestimable colaboración dos doadores e doadoras galegos, todos os días poden levarse a cabo nos centros sanitarios galegos unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos.
O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, a localidade do Milladoiro acollerá unha vez máis a unidade móbil de doazón.
O Concello e o Centro de Transfusión de Galicia fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas nas campañas de doazón. Un acto de solidariedade e compromiso social co que se poden salvar moitas vidas.