Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estará o día 7 de febreiro na parroquia de Biduído

Luns, 04 de febreiro de 2013

[04-02-2013] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase este xoves, 7 de febreiro, ata Biduído para que os veciños e veciñas desta parroquia poidan doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. A unidade móbil achegarase en horario de 18:30 a 21:00 horas. O autobús estará situado en fronte á farmacia de Biduído. Durante o mes de xaneiro a unidade móbil de doazón estivo nas localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. Nestas dúas visitas rexistráronse un total de 157 doazóns de sangue, das cales 17 corresponderon a persoas que doaron por primeira vez.

En febreiro de 2012 foi a primeira vez que unha unidade móbil de doazón de sangue se achegou ao rural amiense. Esta visita produciuse despois do acordo adoptado entre a concelleira de Sanidade, María Eugenia Martín, e a representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino. Para darlle continuidade a esta iniciativa o próximo xoves, 7 de febreiro, a unidade móbil de doazón de sangue volverá a estar nesta parroquia amiense.

A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense. Durante o mes de xaneiro a unidade móbil de doazón estivo nas localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. Nestas dúas visitas rexistráronse un total de 96 doazóns en Bertamiráns (das cales 6 eran persoas que doaban por primeira vez) e 61 doazóns en Milladoiro (dos cales 11 persoas doaron por primeira vez). Esta semana, a unidade móbil de doazón, estará en fronte á farmacia da parroquia de Biduído. O horario de atención ao público será de 18:30 a 21:00 horas.

Todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial xa que, grazas a inestimable colaboración dos doadores e doadoras galegos, todos os días poden levarse a cabo nos centros sanitarios galegos unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos.

O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, a parroquia de Biduído acollerá por segunda vez a unidade móbil de doazón.

O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas nas campañas de doazón. Un acto de solidariedade e compromiso social co que se poden salvar moitas vidas.