Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estará o día 31 de xaneiro en Bertamiráns e o día 1 de febreiro en Biduído

Luns, 30 de xaneiro de 2012

[30-01-2012] Bertamiráns acolle o 31 de xaneiro a unidade móbil de doazón de sangue na parada de autobuses que se atopa fronte á praza da Maía. Por outra banda, a parroquia de Biduído recibirá, por primeira vez, a unidade móbil de doazón o 1 de febreiro. A concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, acordou xunto coa representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino, o incremento do número de puntos de doazón de sangue en Ames. A parroquia de Biduído foi o lugar escollido polo Concello de Ames para establecer o novo punto de doazón. Deste xeito, as unidades móbiles visitarán unha vez ao mes os diferentes núcleos urbanos e parroquias amienses.

Esta semana, Bertamiráns e Biduído recibirán, o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro, respectivamente, a unidade móbil de transfusión. Será a primeira vez que se estableza un punto de doazón na parroquia de Biduído, froito do acordo establecido pola concelleira de Sanidade, Eugenia Martín, e a representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino.

Ames é un dos concellos da comarca cun maior índice de participación nas campañas de doazón que desenvolve o Centro de Transfusión de Galicia. O ano pasado rexistráronse en Ames arredor de 1.250 doazóns de sangue, o que supón un incremento superior ao 20% na participación con respecto ao ano 2010. A taxa rexistrada é dunhas 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará en fronte á farmacia de Biduído o día 1 de febreiro por primeira vez e en horario de 18:30 h a 21:00 horas. En Bertamiráns estará un día antes, o 31 de xaneiro, na parada de autobuses que se atopa fronte á praza da Maía, dende as 9:30 h ás 14:30 horas e dende as 15:30 h ás 21:00 horas.

Todas aquelas persoas que teñan intención de doar sangue deberán cumprir unha serie de requisitos entre os que destacan: ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 kg, ter comido e non doar dende fai dous meses. No caso de achegarse a doar despois do xantar é conveniente esperar dúas horas para facelo e sempre é recomendable ter algo no estómago cando se vai facer a doazón. Os homes poden doar ao ano un máximo de catro veces mentres que as mulleres poden facelo en tres ocasións.