Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estará o día 27 en Bertamiráns e o día 29 de setembro en Aldea Nova

Sábado, 24 de setembro de 2011

[24-09-2011] Bertamiráns acolle o 27 de setembro a unidade móbil de doazón de sangue na parada de autobuses que se atopa fronte á Praza da Maía. Por outra banda, a urbanización de Aldea Nova recibirá, por primeira vez, a unidade móbil de doazón o 29 de setembro. No mes de agosto, a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, acordou xunto coa representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino, o incremento do número de puntos de doazón de sangue en Ames. A urbanización Aldea Nova foi o lugar escollido polo Concello de Ames para establecer o novo punto de doazón. Por outra banda, está previsto que se establezan novos puntos para acoller a campaña de doazón. Deste xeito, as unidades móbiles visitarán unha vez ao mes as diferentes urbanizacións e parroquias amienses.

O Concello de Ames acolleu nas dúas últimas semanas de setembro unha nova campaña de doazón de sangue coa finalidade de garantir o labor asistencial dos centros hospitalarios galegos. A próxima semana, Bertamiráns e Aldea Nova recibirán, o 27 e  o 29 de setembro, respectivamente, a unidade móbil de transfusión. Será a primeira vez que se estableza un punto de doazón na urbanización de Aldea Nova, froito do acordo establecido pola concelleira de Sanidade, Eugenia Martín, e a representante do CTG, Pilar Sobrino. Esta reunión supuxo o incremento no número de puntos de doazón pasando de dous, no Milladoiro e Bertamiráns, ao establecemento dun novo punto na urbanización de Aldea Nova. A proposta iniciada pola Concellaría de Sanidade inclúe, tamén, novas localizacións qara a unidade móbil de doazón, que, unha vez ao mes, visitará as diferentes urbanizacións e parroquias do rural.

O Milladoiro acolleu durante dous días, o 21 e 22 de setembro, a unidade móbil de doazón no polígono Novo Milladoiro e na rúa da Curuxa. O balance realizado polo Centro de Transfusión de Galicia sobre esta campaña foi moi positivo posto que contaron cun maior número de doazóns con respecto aos meses anteriores. O número total foi de 62, sete delas realizadas por novos doadores. Bertamiráns recibirá a unidade de transfusión o 27 de setembro en horario de 9.30 h a 14.30 h e de 15.30 h a 21 h. Mentres que en Aldea Nova estará o 29 de setembro en horario de tarde de tres e media da tarde a nove da noite. Está previsto que as campañas de doazón nestes dous puntos teñan un resultado igual de positivo que no núcleo urbano do Milladoiro.

O teu sangue é vida. Compárteo.