[14-01-2013] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase mañá ata Milladoiro para que os veciños e veciñas poidan doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. O Milladoiro recibirá a unidade móbil en horario de 9,30 a 14,30 horas e de 15,30 a 21,00 horas. O autobús estará situado na rúa Cruxa ao lado do supermercado El Árbol. Na súa última visita a Milladoiro no mes de decembro, rexistráronse 40 doazóns de sangue.
A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense. De feito, o vindeiro luns 28 de xaneiro o autobús desprazarase tamén ata Bertamiráns. Nesta localidade estará situado na parada de autobús da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía. O horario será de 9,30 a 14,30 horas e de 15,30 a 21,00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas o emprego das unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns. Nesta ocasión terán a oportunidade de doar todos os veciños e veciñas do Milladoiro e de Bertamiráns que así o desexen.
Todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial xa que, grazas a inestimable colaboración dos doadores e doadoras galegos, todos os días poden levarse a cabo nos centros sanitarios galegos unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos.
O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, as localidades do Milladoiro e Bertamiráns acollerán unha vez máis a unidade móbil de doazón.
O Concello e o Centro de Transfusión de Galicia fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas nas campañas de doazón. Un acto de solidariedade e compromiso social co que se poden salvar moitas vidas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "A unidade móbil de doazón de sangue estará no Milladoiro"
La Voz de Galicia: "La unidad móvil de donación de sangre estará el martes en Milladoiro"




