[21-09-2011] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase esta semana ata O Milladoiro para que os veciños e veciñas amienses vaian doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. O Milladoiro recibirá a unidade móbil na xornada de hoxe no polígono Novo Milladoiro cun horario de mañá de 9:30 h. a 14:30 h. O xoves atoparase na rúa da Curuxa, ao carón do supermercado El Árbol, cunha franxa horaria máis ampla: das 9:30 ás 14:30 e á tarde das 15:30 ás 21:00 h. Na vindeira semana, a unidade móbil de doazón acudirá o 27 á avenida da Maía, en Bertamiráns, e o 29 á urbanización de Aldea Nova. Durante os primeiros sete meses deste ano rexistráronse 745 doazóns. Agora mesmo existe unha ratio de 37 doadores por cada mil habitantes.
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) realizan, unha vez ao mes, unha campaña de doazón de sangue no Milladoiro e en Bertamiráns co obxectivo de manter o nivel de participación dos veciños e veciñas amienses, posto que se trata dun dos municipios máis solidarios da área compostelá. Durante os primeiros sete meses do ano, en Ames rexistrouse un total de 745 doazóns, un 27% máis de doazóns que no mesmo período do ano anterior.
Estes datos indican que os e as habitantes do concello de Ames son conscientes da necesidade de doar sangue e están comprometidos en aumentar as doazóns para axudar as persoas que o precisen
Número de doazóns en Ames
Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o 2009 houbo 897 doazóns en Ames. En 2010 incrementou o número de persoas doadoras nun 14%, cun total de 1.019 doazóns. No que se refire ao 2011, durante os primeiros sete meses deste ano houbo 745 doazóns. O número de doazóns durante o 2011 xa é superior ao rexistrado en 2010, xa que durante os primeiros sete meses do ano pasado realizáronse 541 doazóns. Agora mesmo temos unha ratio de 37 doadores por cada mil habitantes. Dende o Concello de Ames agárdase que esta ratio incremente ata chegar a 40 doadores por cada 1.000 habitantes ou incluso poder superala.
Un xesto desinteresado
A doazón de sangue é un xesto desinteresado que debe facerse por vontade propia. Porén, existen unha serie de requisitos necesarios para protexer a saúde do doador e do receptor: ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos, sentirse ben, ter comido e non doar sangue nos últimos dous meses.
Os homes poden doar catro veces no ano e as mulleres, tres. Partindo destes requisitos mínimos, establécense unha serie de condicións que permiten ou non a doazón. Os enfermos de hepatite B ou C, SIDA, sífile e todas aquelas enfermidades que se transmiten por vía sanguínea non poden ser doadores. Tampouco poden doar persoas diabéticas, epilépticas ou persoas con enfermidades graves. En todo caso, o médico é sempre quen decide despois do recoñecemento oportuno.
Tan só quince minutos do teu tempo poden resolver moitos problemas de saúde ou salvar vidas. Para doar non se debe acudir sen almorzar e, despois de comer, é preciso agardar dúas horas. De todos os modos, o persoal sanitario revisará o teu estado de saúde. O material utilizado será estéril e dun só uso. Na doazón non existe ningún tipo de risco de contraer enfermidades transmisibles polo sangue. Da túa doazón obtéñense tres compoñentes sanguíneos que se utilizan para diferentes problemas da saúde.
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue. Un acto de solidariedade e compromiso social que adquire unha relevancia especial en épocas de vacacións. Trátase dunha acción coa cal se poden salvar moitas vidas.