[03-02-2014] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase este mércores, 5 de febreiro, ata Biduído para que os veciños e veciñas desta parroquia poidan doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. A unidade móbil achegarase en horario de 19:00 a 21:00 horas. O autobús estará situado en fronte á farmacia de Biduído. Ao longo do ano 2013 realizáronse un total de 1.521 doazóns, o que supón un incremento na participación con respecto ao ano 2012 no que se contabilizaron 1.391 doazóns.
A unidade móbil de doazón de sangue estará por terceiro ano consecutivo na parroquia de Biduído. En febreiro de 2012 foi a primeira vez que unha unidade móbil de doazón de sangue se achegou ao rural amiense. Esta visita produciuse despois do acordo adoptado entre a concelleira de Sanidade, María Eugenia Martín, e a representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino. Posteriormente, o pasado 7 de febreiro de 2013, a unidade móbil de doazón de sangue volveu a estar nesta parroquia amiense. Para darlle continuidade a esta iniciativa, esta semana a unidade móbil de doazón estará o mércores 5 de febreiro en fronte á farmacia de Biduído. O horario de atención ao público será de 18:30 a 21:00 horas.
A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense. Este ano a unidade móbil de doazón comezou o 2014 visitando a localidade de Bertamiráns o pasado 27 de xaneiro. Cómpre destacar os bos datos de doazóns obtidos durante o pasado ano en Ames. Segundo se desprende dos datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o ano 2013 en Ames rexistráronse un total de 1.521 doazóns de sangue. Deste xeito, en 2013 producíronse 130 doazóns máis que en 2012.
Deste xeito, o Concello de Ames segue sendo un dos municipios galegos máis solidarios á hora de doar sangue. Cómpre lembrar que no ano 2012 realizáronse 1.391 doazóns, cunha taxa de doazón de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes. Estes datos sitúan ao Concello de Ames no posto número 10 a nivel galego, detrás das 7 principais cidades galegas e dos concellos de Vilagarcía e Ribeira.
O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, a parroquia de Biduído acollerá por terceira vez a unidade móbil de doazón.
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas nas campañas de doazón. Un acto de solidariedade e compromiso social co que se poden salvar moitas vidas.




