Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estará este mércores 24 de decembro no Milladoiro

Martes, 23 de decembro de 2025

A unidade móbil de doazón de sangue estará este mércores, 24 de decembro, no Milladoiro, na Travesía do Porto, ao carón do novo centro de saúde. O horario de atención será de 09:30 a 14:30 e de 15:30 a 20:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Doa sangue, o mellor regalo”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos. No 2024 o municipio de Ames obtivo 1.501 doazóns cunha taxa que acadou as 46 doazóns por cada 1000 habitantes e ano.

O Nadal é unha das épocas máis complicadas para manter estable a participación das persoas que doan sangue e estase desenvolvendo unha campaña especial para acadar as 8.500 doazóns de sangue que precisan os centros sanitarios do 15 de decembro ao 15 de xaneiro para axudar milleiros de doentes. Deste xeito, baixo o lema “Doa sangue, o mellor regalo”, trátase de concienciar á veciñanza de que en Galicia se precisan 450 amigos invisibles cada día para lograr este importante obxectivo solidario.

A veciñanza amesá, que así o desexe, poderá doar na unidade móbil de ADOS que estará estacionada este mércores, 24 de decembro, no Milladoiro, ao carón do novo centro de saúde, en horario de 09:30 a 14:30 e de 15:30 a 20:00 horas. Os únicos requisitos para poder doar son ser maior de 18 anos e pesar máis de 50 quilos. É necesario almorzar e esperar dúas horas para acudir despois de xantar. As persoas doantes deberán identificarse coa súa tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Ademais, haberá que informar ao médico se se está tomando algún tipo de medicamento. 

Tan só é necesario 15 minutos do teu tempo
O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a saúde. Grazas ás persoas que doan sangue axúdase a preto de 31.000 persoas enfermas nos hospitais galegos cada ano. Neste Nadal busca 15 minutos do teu tempo para doar sangue e salvar a vida de moitas persoas.

Na situación actual, a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e dos doadores de sangue. Así mesmo, dispón dun teléfono de información gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón de sangue e tamén sobre a localización das unidades móbiles da doazón de sangue, o número 900 100 828. Tamén se pode consultar a súa páxina web premendo nesta ligazón.

A unidade móbil de doazón de sangue estará este mércores 24 de decembro no Milladoiro

Multimedia

  • A unidade móbil de doazón de sangue estará este mércores 24 de decembro no Milladoiro