Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estará este luns 20 de agosto no Milladoiro e o día 28 en Bertamiráns

Venres, 17 de agosto de 2012

[17-08-2012] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase a próxima semana ata Ames para que os veciños e veciñas amienses vaian doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. O Milladoiro recibirá a unidade móbil este luns 20 de agosto, en horario de 9:30 h a 14:30 h e de 15:30 h ata ás 21:00 horas. O autobús estará situado na rúa Curuxa ao lado do supermercado El Árbol. Por outra banda, o núcleo de Bertamiráns contará coa presenza da unidade móbil de doazón o martes 28 de agosto, en horario de 9:30 h a 14:30 horas e de 15:30 h a 21:00 horas, no lugar onde se atopa a parada do autobús da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía. A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense.

O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) anima aos cidadáns a participar na campaña de doazón de sangue “Verán 2012”, que este ano desenvólvese baixo o lema “O teu sangue é vida. Compártea. Doa Sangue”, co obxectivo de obter 40.000 doazóns entre os meses de xuño a setembro.

Para o CTG, o período de verán resulta especialmente delicado no que atingue á doazón de sangue, xa que se produce unha deslocalización dos doadores e doadoras habituais e as necesidades de compoñentes sanguíneos non diminúen, xa que aumentan os accidentes de tráfico. Todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial xa que, grazas a inestimable colaboración dos doadores e doadoras galegos, todos os días poden levarse a cabo nos centros sanitarios galegos unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos.

O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns acollerán unha vez máis a unidade móbil de doazón de sangue do Centro de Transfusión de Galicia.

Este luns 20 de agosto a unidade móbil de doazón estará no Milladoiro en horario de 9:30 h a 14:30 h e de 15:30 h ata ás 21:00 horas. O autobús estará situado na rúa Curuxa ao lado do supermercado El Árbol. Mentres que o martes 28 de agosto, Bertamiráns acollerá a unidade móbil de doazón, en horario de 9:30 h a 14:30 horas e de 15:30 h a 21:00 horas, na avenida da Maía.

Datos das doazóns realizadas durante o 2011

Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o 2009 houbo 897 doazóns en Ames. En 2010 incrementouse o número de doadores nun 14%, rexistrándose un total de 1.019 doazóns. No que se refire ao 2011, rexistráronse un total de 1.261 doazóns de sangue, o que supón un incremento do 24% na participación con respecto ao ano 2010. A taxa rexistrada é dunhas 44 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Todos os anos en Ames prodúcese un incremento das persoas que doan sangue por primeira vez o que convirte ao concello amiense nun dos municipios galegos con maior índice de doazóns. Ames atópase dous puntos por encima da media galega no que a número de doazóns se refire. Durante o 2011 en Galicia producíronse 116.112 doazóns de sangue, que representan 42 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Deste xeito cúmprese un dos obxectivos que se marca todos os anos o Centro de Transfusión de Galicia que é o de involucrar a persoas que nunca foron doadores. Outro dos obxectivos é manter a participación das persoas que xa son doadoras.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aumenta un 24% as doazóns de sangue"
La Voz de Galicia: "La unidad móvil de donación de sangre estará todo el día de hoy en Milladoiro"