Pestanas principais

A unidade móbil de doazón de sangue estará durante a próxima semana en Bertamiráns e no Milladoiro

Venres, 19 de outubro de 2012

[19-10-2012] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase a próxima semana ata Ames para que os veciños e veciñas amienses vaian doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos. O Milladoiro recibirá a unidade móbil o martes 23 e mércores 24 de outubro, en horario de 15:30 h a 21:00 horas. O autobús estará situado na rúa Curuxa ao lado do supermercado El Árbol. Por outra banda, a localidade de Bertamiráns contará coa presenza da unidade móbil de doazón o xoves 25 e o venres 26 de outubro, en horario de 15:30 h a 21:00 horas, no lugar onde se atopa a parada de autobús da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía. A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas o emprego das unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns. Nesta ocasión terán a oportunidade de doar todos os veciños e veciñas amienses que así o desexen.

Todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial xa que, grazas a inestimable colaboración dos doadores e doadoras galegos, todos os días poden levarse a cabo nos centros sanitarios galegos unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos.

O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns acollerán unha vez máis a unidade móbil de doazón de sangue do Centro de Transfusión de Galicia.

O martes 23 e o mércores 24 de outubro a unidade móbil de doazón estará no Milladoiro en horario de 15:30 h ata ás 21:00 horas. O autobús estará situado na rúa Curuxa ao lado do supermercado El Árbol. Mentres que o xoves 25 e o venres 26 deste mesmo mes, Bertamiráns acollerá a unidade móbil de doazón, en horario de 15:30 h a 21:00 horas, na parada de autobús da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía.

Datos das doazóns realizadas en Ames
Segundo os datos aportados polo Centro de Transfusión de Galicia, no que vai de ano rexistráronse 1.082 doazóns nas visitas da unidade móbil ao Concello de Ames. Repartidas por localidades, ata agora no Milladoiro rexistráronse un total de 554 doazón, en Bertamiráns 530 e en Biduído 7 doazóns. Cómpre lembrar que durante o mes de febreiro a unidade móbil de doazón de sangue estivo por primeira vez na parroquia de Biduído.

No que se refire ao 2011, rexistráronse un total de 1.261 doazóns de sangue (534 no Milladoiro e 715 en Bertamiráns). Isto representa un incremento do 24% na participación con respecto ao ano 2010 no que se produciron un total de 1.019 doazóns. A taxa rexistrada foi dunhas 44 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La unidad móvil de donación de sangre estará durante la próxima semana en Ames"
El Correo Gallego: "A unidade móbil de doazón de sangue estará durante a próxima semana en Bertamiráns e no Milladoiro"