[18-12-2012] A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia achegarase durante os vindeiros días ata Ames para que os veciños e veciñas amienses vaian doar sangue coa finalidade de axudar a garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos, especialmente nestas datas de Nadal. O Milladoiro recibirá a unidade móbil o xoves 20 e venres 21 de decembro, en horario de 15:30 h a 21:00 horas. O autobús estará situado na rúa Cruxa ao lado do supermercado El Árbol. Por outra banda, a localidade de Bertamiráns contará coa presenza da unidade móbil de doazón o luns 24 de decembro, en horario de 9:30 h a 14:30 horas, no lugar onde se atopa a parada de autobús da Avenida da Maía, fronte á Praza da Maía. A unidade móbil de doazón de sangue visita todos os meses o concello amiense. Na súa última visita a Bertamiráns e Milladoiro rexistráronse 80 doazóns de sangue.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas o emprego das unidades móbiles, intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns. Nesta ocasión terán a oportunidade de doar todos os veciños e veciñas amienses que así o desexen. Todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial.
O Concello de Ames é consciente da situación de necesidade en canto ao número de doazóns de sangue e atópase comprometido a facer todo o posible por aumentar as doazóns e axudar as persoas que así o precisen. Debido a iso, as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns acollerán unha vez máis a unidade móbil de doazón de sangue do Centro de Transfusión de Galicia.
Todos os anos en Ames prodúcese un incremento das persoas que doan sangue por primeira vez o que convirte ao concello amiense nun dos municipios galegos con maior índice de doazóns. Ames atópase dous puntos por encima da media galega no que a número de doazóns se refire. Durante o 2011 en Galicia producíronse 116.112 doazóns de sangue, que representan 42 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Deste xeito cúmprese un dos obxectivos que se marca todos os anos o Centro de Transfusión de Galicia que é o de involucrar a persoas que nunca foron doadores. Outro dos obxectivos é manter a participación das persoas que xa son doadoras.




