[22-03-2011] O Concello de Ames tenta promover a práctica deportiva entre a veciñanza coma un valor saudábel. O sendeirismo é un deporte moi completo, e por iso a Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio organizou este domingo unha ruta polo concello veciño de Teo. Sesenta persoas tomaron parte nesta iniciativa que as levou durante catorce quilómetros a gozar do valor paisaxístico do camiño escollido que arrincou desde a Igrexa de Luou. A excursión enmarcouse dentro do programa Espazos Naturais de Galicia.
O sendeirismo xuntou onte no concello de Teo a uns 60 veciños e veciñas de Ames para pasar unha mañá de convivencia co medio natural e o patrimonio practicando un dos deportes máis completos que existen. A Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio programou unha ruta de dificultade media-baixa que percorría 14 quilómetros nun itinerario circular de catro horas de duración. Con este tipo de iniciativas o Concello tenta promover hábitos saudábeis entre os amienses. A saída estivo enmarcada no programa Espazos Naturais de Galicia.
As persoas que participaron na ruta de sendeirismo foron en autobús ata o lugar onde arrincou esta actividade. Para iso puxéronse dous autobuses a disposición dos veciños e veciñas amiense. Un saíu dende a praza do Concello, ás 09:00 horas, e outro dende o pavillón polideportivo do Milladoiro, ás 09:15 horas. Ao chegar á Igrexa de Luou comezaron a camiñata, que remataba preto de catro horas despois no mesmo lugar. Polo camiño achegáronse ata o lugar de Loureiro e percorreron espazos naturais de grande valor paisaxístico e beleza.
No primeiro tramo, A Igrexa - Rapeiro, o grupo coñeceu a carballeira de Luou, moi interesante dende o punto de vista natural, e co cruceiro de Eirexe, que segundo os datos teríase levantado no lugar en 1.675. Consta de dúas imaxes, a de Noso Señor e outra da Virxe. No segundo tramo do percorrido, Rapeiro - Seixos, chegouse ao Rapeiro, lugar da aldea de Espasande polo que transcorre o río San Lois no que se atopan un par de muíños e un lavadoiro público.
No terceiro tramo, partindo de Seixos cara o Río de Angueira onde se atopa un famoso petroglifo, o petroglifo de Angueira. Así, a medida que se ían realizando os tramos do percorridos fóronse visitando diversos lugares: as ruínas do muíño de Loureiro, coñecido por utilizar moi pouca auga para moer; as mámoas e restos arqueolóxicos de Eira dos Mouros; o cruceiro e a fonte de Santa Margarida e o lugar por onde pasaron e onde morreron a mans da Garda Civil o grupo de maquis Os Foucellas; os restos da aldea da Costa e a mámoa de Trasellas erguida 3.000 anos antes de Cristo. Deste xeito, ademais de practicar o sendeirismo, os e as amiensesinteresados coñeceron os lugares importantes de Teo en materia de natureza, arqueoloxía e historia.
O grupo estaba constituído por persoas de idades variadas a partir dos doce anos, a idade mínima para facer a ruta. Así, ademais dun grupo de nenos desa idade, había participantes entre os trinta, corenta ou os cincuenta anos. As persoas participantes ficaron moi contentas da iniciativa e a impresión xeral foi moi positiva. O retorno a Ames, tras unha mañá na que o tempo acompañou, produciuse arredor das 15:00 horas.
O sendeirismo é unha actividade que busca achegar á xente ao medio natural e potenciar así o coñecemento dos lugares a través de vías de comunicación tradicionais tales como camiños e carreiros non balizados. Así, esta actividade constitúe unha mestura entre deporte, cultura e medio. Galicia conta cunha gran cantidade de vías idóneas para a práctica do sendeirismo, e iso da pé a numerosas iniciativas.




