[31-01-2013] A Aula da Natureza realiza un gran labor en prol da valorización, difusión e conservación dos espazos naturais do termo municipal de Ames. Este é un dos apartados que centran o traballo desta área, dependente da Concellaría de Medio Ambiente, pero hai moitas outras actividades que dependen desta concellaría como son os obradoiros de educación ambiental e a organización de campamentos de verán, entre outras. Todas estas iniciativas desenvólvense grazas á colaboración doutros departamentos municipais. En 2012 o número de persoas que participaron nas diferentes actividades programadas por este departamento ascenderon a 1500.
O concello de Ames é un lugar de excepción no cal podemos atopar paisaxes naturais de grande beleza. Deste xeito, todos os anos a concellaría de Medio Ambiente organiza diferentes rutas polo contorno natural de Ames. Durante o pasado ano realizáronse dúas andainas. A primeira desenvolveuse polo Rego dos Pasos durante o mes de xaneiro. Esta ruta tiña como lema Camiña pola conservación do río para promocionar esta ruta que percorre uns 6 quilómetros a carón do Rego dos Pasos. A esta andaina acudiron arredor de 100 persoas de tódalas idades, dende maiores ata nenos. A ruta transcorre entre as árbores que se atopan a carón do río, en pleno entorno natural, e dende ela pódense ver varios muíños, coma os de Pousada.
A segunda andaina realizouse no mes de outubro e transcorreu pola ruta de Riamontes. Os camiñantes percorreron 7 quilómetros andando polos arredores do regato e dos muíños que hai no seu contorno. Esta ruta é circular, polo que arrincou e rematou na aldea do Vilar, pertencente á parroquia de Ames. Na metade da andaina, os participantes fixeron un pequeno descanso no Alto de San de Marcos onde puideron gozar dunha panorámica do Val da Maía. En total, nestas dúas rutas participaron arredor de 200 persoas.
Actividades cos centros de ensino
Un dos principais obxectivos da Aula da Natureza é realizar actividades cos centros de ensino e cos máis cativos enfocadas ao fomento da educación ambiental. Ao longo de 2012 un total de 675 rapaces e rapazas participaron en diversas actividades organizadas pola Aula da Natureza para os centros de ensino amienses. Este ano a Aula da Natureza abre a oferta de actividades de educación ambiental aos centros de ensino, ANPAS e asociacións dos concellos limítrofes da comarca. A concellaría de Medio Ambiente está realizando unha campaña informativa para dar a coñecer as instalacións da Aula da Natureza e as actividades que se imparten neste lugar. Para iso, repartiranse uns 500 folletos entre os centros de ensino de Ames e da comarca.
A través desta campaña informativa propónselle a todos os usuarios/as interesados unha serie de actividades como obradoiros, rutas ambientais, etc. Ademais, pódense configurar xornadas específicas combinando varias actividades (horta, exposicións, muiñadas...). Tamén poden ser eles os que lle suxiran ao Concello outras actividades para desenvolver nas instalacións da Aula da Natureza. Esta programación xa se está desenvolvendo cos centros de ensino de Ames e agora ábrese aos centros dos concellos limítrofes da comarca.
Durante o ano pasado unha das primeiras actividades que se realizou desenvolveuse no CEIP Agro do Muíño. Ata alí achegáronse o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, para participar xunto co alumnado deste centro de ensino na plantación da árbore que estivera de adorno na Casa do Concello durante o Nadal de 2011. A través desta actividade pretendeuse poñer en valor o contacto, o coidado e o respecto pola natureza ao mesmo tempo que o alumnado aprendeu a recoñecer especies arbóreas e flores.
No pasado mes de febreiro comezaron as actividades que se realizan co alumnado dos centros de ensino de Ames. O primeiro obradoiro que se impartiu tratou sobre o coñecemento dos cinco sentidos. Nesta actividade participaron 125 nenos e nenas do CEIP Agro do Muíño. Primeiro asistiron 75 alumnos/as do segundo curso de Educación Infantil e a continuación tocoulle a quenda a outro grupo de 50 alumnos/as de terceiro de infantil. O Concello de Ames busca promover a educación ambiental dos nenos e nenas amienses por medio de iniciativas deste tipo nas que o alumnado pode distinguir diferentes olores como os da menta, eucalipto ou a lavanda, así como diferenciar os sons de diferentes animais.
Outro dos obradoiros que se desenvolveron foi o de plantas medicinais. Nesta actividade participaron 100 alumnos/as de primeiro e segundo de Educación Primaria e 40 alumnos/as de sexto de Primaria do CEIP Agro do Muíño. Os rapaces e rapazas coñeceron as diferentes partes das plantas medicinais, visitaron a plantación de aromáticas da horta da Aula da Natureza e participaron nun obradoiro para elaborar xabón de tomiño e romeiro, e sales de baño de limón.
Por outra banda, un total de 100 alumnos/as de terceiro e cuarto de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño participaron nun obradoiro sobre os ecosistemas. Ademais, un grupo de 50 nenos/as de primeiro curso de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, de entre 3 e 4 anos de idade, participaron nun obradoiro para coñecer os animais do solo e explorar como se relacionan coa contorna que os rodea. Outro grupo de 50 alumnos/as de quinto de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño participou noutro obradoiro sobre o sistema solar.
Saídas ambientais
A coordinadora da Aula da Natureza tamén realizou saídas cos alumnos/as dos centros de ensino. O alumnado de primeiro e segundo de Educación Primaria do CEIP de Barouta participou nunha andaina ambiental polas beiras do río Tambre e polo lugar de Oca. Unha vez remata esta actividade desprazáronse ata a Aula da Natureza para realizar un obradoiro de sales medicinais. Esta actividade enmarcouse dentro da programación municipal do mes de xuño para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o pasado 5 de xuño. Dentro desta mesma programación, un grupo de 60 alumnos/as de 2 a 3 anos da escola infantil do Bosque de Bertamiráns acudiron á horta da Aula da Natureza para plantar varios castiñeiros que tiñan no xardín da escola infantil.
O ano pasado estas actividades estendéronse o IES de Cacheiras. Arredor de 100 alumnos e alumnas deste centro de ensino participaron nunha andaina pola senda verde de Ames. Acompañados por unha técnica de Medio Ambiente do Concello de Ames e por catro profesores/as, os rapaces e rapazas, que cursaban primeiro da ESO, fixeron o seu particular camiño por un dos recursos naturais do municipio con máis valor paisaxístico e patrimonial.
Colaboración coa USC
A Aula da Natureza tamén colaborou coa Universidade de Santiago de Compostela. Os alumnos/as do máster de Biodiversidade, dependente do departamento de zooloxía e tipoloxía da USC, coñeceron as instalacións da Aula e presentaron traballos de distintas temáticas, coma A biodiversidade da mata atlántica ou Os lemúridos de Madagascar. Ademais, empregaron estas instalacións para realizar unha sesión de prácticas.
A Concellaría de Medio ambiente tamén realizou o programa de obradoiros Chocolate na horta. Este programa de actividades desenvolveuse en catro sábados dos meses de abril, maio e xuño. Os participantes coñeceron e realizaron os traballos necesarios para preparar e fertilizar a terra. A continuación, plantaron diferentes alimentos (leituga, tomate, pementos, amorodos...). Finalmente tiveron que recollelos. A través destes obradoiros a Aula da Natureza deu a coñecer os diferentes traballos de horta que se poden desenvolver en primavera.
Unha das actividades máis novidosas que se organizou o pasado ano foi o campamento urbano de verán no que participaron 27 nenos e nenas de entre 6 e 13 anos. Entre o 9 e o 20 de xullo, os nenos e nenas aprenderon a elaborar xabróns e papel reciclado. Tamén coñeceron diferentes técnicas de supervivencia na natureza e participaron en dúas excursión pola ruta de Riamontes e pola ruta do Tambre.
Ademais, ao longo do mes de agosto arredor de 250 rapaces e rapazas participaron nos campamentos de verán que organizou a Aula da Natureza. O pasado ano os nenos e nenas puideron gozar duns días de vacacións en lugares como nas granxas escolas de Bergando (Negreira), Kiriko (Fornelos de Montes), e no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz.
Festa da Natureza
Un ano máis o Concello de Ames celebrou a Festa da Natureza, que se desenvolveu o pasado 1 de xullo na praia fluvial de Tapia. A través desta iniciativa contribuíuse á repoboación do Tambre coa solta de 5.000 crías de troita cedidas pola Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames. Durante toda a tempada, as augas do río recibiron máis de 20.000 exemplares. O obxectivo desta festa foi pechar as actividades coas que ao longo do pasado mes de xuño se conmemorou o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o 5 de xuño.
Durante o pasado mes de agosto a Aula da Natureza tamén achegou unha serie de recomendacións para que os cidadáns amienses puideran gozar dende o monte de San Marcos da chuvia das Perseidas, un fenómeno astrolóxico coñecido tamén como Bágoas de San Lourenzo e que durante os días 11, 12 e 13 de agosto tivo o seu máximo apoxeo.
Durante o mes de novembro desenvolveuse un obradoiro de conservación caseira e natural no que participaron un total de 24 persoas. Esta actividade estivo divida en tres xornadas. No obradoiro explicáronse distintas nocións sobre a conservación e o conxelado de alimentos, así como a salmoira e desecación de alimentos. Nesta actividade explicáselle aos asistentes que tipo de alimentos se adapta mellor a cada método de conservación, os motivos e a conveniencia de aplicar métodos de conservación.
Charla e saída micolóxica
O pasado ano a Aula da Natureza organizou varias actividades que xiraron arredor da micoloxía. Primeiro, realizouse unha charla – coloquio sobre a iniciación aos cogomelos á que asistiron arredor de 50 persoas. Trala parte teórica, pasouse á parte práctica cunha saída para recoller comelos na que participaron uns 100 veciños e veciñas. Por último, levouse acabo un obradoiro de cociña de cogomelos no que participaron unhas 25 persoas.
As últimas actividades do ano estiveron enmarcadas dentro da programación de Nadal. Por unha banda, desenvolveuse un obradoiro de decoración natural de Nadal. Nesta actividade participaron un total de 22 persoas de idades moi diferentes (dende nenos/as de 4 anos ata persoas adultas). Neste obradoiro, que estivo dividido en dúas partes, os participantes elaboraron unha árbore de Nadal para colgar na parede, unha bola de cordas e unha pequena bandexa con forma de folla de vide.
Outra das actividades que espertou un gran interese entre os máis pequenos foi o obradoiro de elaboración de postais ecolóxicas de Nadal, que se desenvolveu o luns 17 na biblioteca municipal de Bertamiráns e o martes 18 de decembro na biblioteca do Milladoiro. Nesta actividade, que estivo dirixida aos rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos, calcúlase que participaron arredor de 50 nenos/as. En ambos casos esta actividade estivo impartida pola técnica responsable da Aula da Natureza.
Curso de iniciación á calceta
Outro dos cursos que máis interese esta espertando é o obradoiro de iniciación á calceta. Trala boa acollida que tivo o primeiro curso de iniciación á calceta, que se desenvolveu durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o Concello de Ames decidiu darlle continuidade a esta actividade durante os próximos meses de febreiro e marzo.
O primeiro curso de iniciación á calceta, no que participaron unhas 20 persoas, rematou o pasado 18 de xaneiro. O balance que se fixo dende a Concellaría de Medio Ambiente foi moi positivo xa que esta actividade desenvolveuse nun ambiente moi distendido. As 50 prazas ofertadas para os dous novos cursos de iniciación á calceta xa están esgotadas.




