Pestanas principais

Unhas 120 persoas participaron na décimo primeira edición da Milla Urbana

Luns, 13 de xuño de 2011

[13-06-2011] A Milla Urbana celebrou a súa décimo primeira edición. Un ano máis o Concello de Ames organizou esta carreira na que participaron unhas 120 persoas. Eran 180 os inscritos pero finalmente tomaron a saída 120 persoas. Tanto atletas profesionais como afeccionados percorreron unha milla, algo máis de 1.600 metros. Nesta ocasión a cita tivo lugar onte dende as 11:00 horas na Travesía do Porto, situada na localidade do Milladoiro. Había oito categorías distribuídas segundo a idade. Na entrega de premios estiveron presentes o alcalde de Ames, Santiago Amor, e varios dos concelleiros/as do novo goberno municipal.


A Milla Urbana é unha carreira que xa está consolidada no mundo do atletismo de Ames e da comarca. Este ano celebrouse a décimo primeira edición desta proba que segue espertando o interese de atletas pertencentes a clubs profesionais e de todas aquelas persoas que gozan facendo deporte. Os e as participantes deben percorrer unha milla, é dicir, máis dun quilómetro e medio, por diferentes rúas do Milladoiro fixadas no circuíto que ten a saída e a chegada no aparcadoiro da Travesía do Porto.

Aínda que estaban inscritas 180 persoas ao final foron 120 as que participaron nesta carreira pedestre, distribuídas en oito categorías segundo a idade. A distancia que había que percorrer era dunha milla, excepto para os máis pequenos. Os prebenxamíns debían completar un circuíto de 300 metros, os benxamíns 660 metros e alevíns 990 metros.

A primeira proba, correspondente á categoría prebenxamín, tivo lugar ás 11:00 horas e nela participaron 19 nenos e nenas nacidos a partir do ano 2004. O gañador desta carreira foi Miguel Piñón, do Club Atletismo Milla-Raio, que empregou un tempo de 1:11 segundos en percorrer os 300 metros desta proba. Na categoría feminina a gañadora foi Teodora Ruso Vidal, do Club de Atletismo Milla-Raio, que tardou 1:22 segundos en percorrer a mesma distancia.

Posteriormente foi a quenda para os nenos e nenas da categorías benxamín que completaron unha distancia de 660 metros. Nesta categoría gañaron Jaime Ferro Vilas, do Club de Atletismo Milla-Raio, e Mariña Monteagudo Lago, da agrupación D. Atlethés, cun tempo de 2:31 e 2:33 segundos respectivamente. Os rapaces e rapazas da categoría alevín percorreron unha distancia de 990 metros. Na categoría alevín os gañadores foron, Leonardo Guazzone Mariño (Sociedade Atlética Val Miñor) cun tempo de 3:28 e Claudia Fernández-Couto Álvarez (Club de Atletismo da Universidade de Santiago), que chegou a liña de meta dezanove segundos despois. Na categoría infantil participaron 24 rapaces e rapazas.

A partir da categoría infantil, os atletas tiveron que dar dúas voltas ao circuíto instalado na Travesía do Porto e percorreron unha milla completa. Na proba de infantís participaron dezaseis nenos e nenas. Pablo Monteagudo Lago, da agrupación D. Atlethés, e Lucía Suárez Crespo, do Club de Atletismo da Universidade de Santiago, foron os gañadores da categoría de infantís, mentres que en cadetes proclamáronse campións Xurxo Ameneiro Boquete e Clara Lago Caamaño, cun tempo de 7:09 e 7:31 segundos respectivamente.

Na categoría promesa-sénior participaron dezasete persoas e proclamáronse campións Juan Carlos Mosquera Dopazo, do Club de Atletismo Sar, cun tempo de 4:58 e Xoana Roig Regueira, do Club de Atletismo Feminino Celta, cun tempo de 6:06 segundos. Mentres na categoría xuvenil-xunior gañou Marcos Matabuena Rodríguez, do Ourense Atletismo - Academia Postal, cun tempo de 5:07 segundos.

Por último disputouse a carreira de veteranos nas categorías A, B, C e D. Na categoría A impúxose Alfonso López Menduiña, cun tempo de 5:04 segundos, na B Mario González Freire, cun tempo de 5:23 segundos, na C José Ramón Garabato Quintáns, do Club de Atletismo Milladoiro, cun tempo de 5:32 segundos, e na D, Isabel Abel Dieguez, cun tempo de 7:52 segundos. Nestas categorías participaron un total de 25 persoas.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e varios dos concelleiros/as do novo goberno municipal foron os encargados de entregar os premios aos gañadores e gañadoras. Picando na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as distintas clasificacións da XI Milla Urbana.

 



Contido relacionado


Tierras de Santiago: "Ciento veinte atletas para la Milla Urbana"