Pestanas principais

Unha vintena de persoas completaron o curso organizado pola OMIX de Ames “English Today”

Sábado, 25 de maio de 2019

Este xoves, 23 de maio, chegou ao seu fin unha nova edición do curso “English Today” organizado pola Concellaría de Mocidade como aposta pola formación das mozas e mozos do concello en linguas. A actividade, encadrada dentro do programa de formación xuvenil da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), buscou ofrecerlle ás e aos asistentes unha aprendizaxe práctica do inglés para o día día, destinada á comprensión e expresión do inglés empregado en contextos e situacións cotiás como unha entrevista de traballo, unha viaxe ou unha consulta médica. Neste curso, que tivo unha duración de catro meses, completáronse as 20 prazas ofertadas.

O curso realizouse entre o 5 de febreiro e o 23 de maio, en aulas de 90 minutos de duración en horario de 20.00h a 21.30 horas. As clases impartíronse os luns e os mércores na Casa da Cultura do Milladoiro, e os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns. O número de prazas ofertadas foi de 20 entre os dous grupos, para poder obter o máximo rendemento de cada aula. Completáronse todas as prazas, asistindo 10 persoas a cada un dos grupos. O curso tivo unha duración de catro meses.

A metodoloxía empregada foi eminentemente práctica. A formación combinou vocabulario, gramática e audiovisuais para permitir a adquisición das destrezas necesarias para a comunicación en inglés. Así, os principais obxectivos a acadar durante esta formación foi que o alumnado obtivese unha formación práctica do inglés para o día a día que poidan aplicar en diferentes contextos e situación reais apoiada nunha linguaxe oral para referirse ó entorno e a un mesmo e coller destreza na redacción de textos curtos e pouco complexos que aporten información persoal e referida a outras persoas ou situacións. A finalidade principal deste curso foi a de coñecer como desenvolverse en situacións cotiás co inglés, fomentando o desenvolvemento de aptitudes lingüísticas na mocidade e a súa autonomía.

Para elo, o programa do curso estivo centrado nas situacións máis usuais na vida cotiá como son as ventas e a atención ao público, o turismo, viaxes, ocio e tempo libre ou linguaxe utilizado en redes sociais. O obxectivo encamiñouse a que que os e as asistentes adquirisen un bo nivel de comprensión lectora, escrita e oral; así como a capacidade para expresarse sen problemas neste idioma.

Unha vintena de persoas completaron o curso organizado pola OMIX de Ames “English Today”