Pestanas principais

Unha vintena de nenas e nenos participan no I Campus de fútbol sala do FC Meigas e EFS Trasgos

Martes, 11 de xullo de 2017

[11-07-2017] Ao longo desta semana, estase a celebrar o I Campus de fútbol sala organizado polo Fútbol Club Meigas, en colaboración co EFS Trasgos e o Concello de Ames. Dirixido a nenas nadas entre o ano 2001 e o 2012, así como a nenos nados entre o 2005 e 2012; o seu obxectivo principal é combinar os aspectos lúdicos coa aprendizaxe de diferentes elementos do fútbol sala.


En horario de mañá, de 8:00h a 14:00 horas, unha vintena de nenas e nenos están a aproveitar as mañás afondando no seu coñecemento do fútbol sala. Ás 8:00 horas só comezan a xornada as nenas e nenos que asisten ao servizo de gardaría; estas pequenas e pequenos madrugadores empezan o día con diferentes xogos. A partir das 9, divididos en dous grupos por idades, as nenas e nenos teñen unha sesión de adestramento de fútbol sala. De 11:00h a 11:30 horas é o momento do descanso, cunha pequena merenda saudable. Posteriormente, entre as 11:30h e as 12:30 horas, nenas e nenos volven aos adestramentos de fútbol para, finalmente, ás 12:30 horas, dar un mergullo na piscina municipal (situada ao carón do pavillón municipal de Bertamiráns, onde se desenvolven as actividades deste campus).

Unha das curiosidades deste Campus é a presenza elevada de nenas, algo relativamente pouco común nos campus de fútbol sala. Todas elas pertencen ao Fútbol Club Meigas; e a maioría delas fan parte das categorías, benxamín, alevín e infantil do club. Neste sentido, como obxectivo deste campus, alén do fomento do fútbol sala e de valores ligados ao deporte, está o de potenciar a igualdade de xénero neste ámbito. Neste sentido, exprésase o coordinador do Campus, David Rial: “É moi bo que neste Campus teñamos tantas rapazas. Os rapaces son habitualmente maioría, polo que tamén está ben que eles vivan esta situación na que son eles minoría, que se familiaricen con ela. Penso que isto redunda na consecución da igualdade no deporte”.

Intercambio coas e cos participantes do Verán sobre Rodas Durante unha hora ao día, habitualmente de 10:00h a 11:00 horas, prodúcese un intercambio entre as e os participantes do Campus do Fútbol Club Meigas e Trasgos e un grupo das nenas e nenos do Verán sobre Rodas. Desta maneira, as rapazas e rapaces do campus experimentan outras actividades alén do fútbol; e, pola súa banda, as e os integrantes do Verán sobre Rodas vivencia a oportunidade de achegarse e gozar do fútbol sala durante unha hora.