- Tematica
O departamento de Benestar Social informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará o xoves 18 e o venres 19 na rúa Cruxa, no cruce con Rosalía de Castro, en horario ambos días de 15.30 a 21.00 horas. Para maior seguridade, pide a túa cita previa para doar chamando ao número 900 100 828.
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia e está a impulsar medidas para garantir a continuidade deste servicio esencial nestes complicados momentos.
O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias. As doazóns permiten, cada día, salvar as vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais de Galicia. Lémbrase que doar sangue é seguro, e que a vida de moitas persoas depende destas doazóns (intervencións cirúrxicas, accidentes de tráfico ou laborais, trasplantes de órganos, enfermos que padecen anemias, hemorraxias, cáncer, leucemia...).
Por iso, compre recalcar que as unidades móbiles e os locais de doazón teñen todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria, o material que se utiliza está esterilizado e é dun só uso e os profesionais que atenden ás persoas que doan sangue reforzan as medidas de hixiene e seguridade. Así, realízase un uso de luvas limpas con cada doante, a limpeza de padiolas despois de cada doazón, a limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección, e a colocación dun envase con solución desinfectante á entrada e saída dos locais de doazón e unidades móbiles, para que os doantes o utilicen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón.
Tamén se fai un chamamento á responsabilidade. Non acudas a doar se nos últimos 15 días tiveches febre, tose ou problemas respiratorios, pola seguridade dos enfermos que teñen que recibir o teu sangue. Ademais, lembra lavar as mans con frecuencia con auga e xabón, evitando tocar o nariz ou a boca, e se acodes a doar, gardar a distancia mínima de seguridade co resto de persoas que asistan.
Dende o Centro de Transfusión de Galicia lémbrase ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Non lles está permitido doar ás persoas menores de 18 anos nin ás maiores de 65 anos (idade a partir da cal é preciso un permiso médico). Deberase acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.
En Galicia precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día xa que, diariamente, os hospitais atenden unha media de 2.800 urxencias, máis de 575 intervencións cirúrxicas e transplantes de órganos.
Recomendacións para doar
Premendo nesta ligazón pódese obter material informativo sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar. Tamén podes ver estes vídeos nos que se explica polo miúdo o proceso de doar sangue: Doazón de sangue en Galicia e Como salvar vidas en 10 minutos.
Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.