[29-12-2016] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá este venres 30 e mailo sábado, 31 de decembro, a Bertamiráns. O vehículo estacionará diante da praza da Maía. O venres 30 atenderá ás persoas doantes en horario de 15:30 a 21:00 horas, mentres que o sábado 31 a unidade móbil de doazón estará en Bertamiráns entre as 10:00 e as 14:30 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.
Recórdase así mesmo ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Poden doar as persoas maiores de 18 anos e menores de 65 anos -idade a partir da cal é preciso un permiso médico- e nun estado normal de saúde.
As recomendacións para persoas que queiran doar, así como os requisitos, poden obterse premendo nas ligazóns do apartado de descargas. Ademais o Centro de Transfusión de Galicia publicou un vídeo no que se explica polo miúdo o proceso e que se pode ver premendo nesta ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.




