Pestanas principais

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia atenderá as doazóns de sangue o 19 de febreiro no Milladoiro

Venres, 16 de febreiro de 2018

[16-02-2018] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá o vindeiro 19 febreiro ata O Milladoiro. O vehículo estará estacionado na rúa Curuxa, ao carón do Supermercado El Árbol, en horario de 09:30h a 14:30h e de 15:30 a 21:00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.

As recomendacións e requisitos existentes para as persoas doadoras pódense atopar premendo nas ligazóns do apartado de descargas desta nova. Ademais, o Centro de Transfusión de Galicia publicou un vídeo no que se explica polo miúdo o proceso e que se pode ver premendo na seguinte ligazón https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.

Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.