[13-08-2016] Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase os días 17 e 18 de agosto ao Milladoiro, e os 22 e 23 a Bertamiráns. Os meses de vacacións estivais son os de maior demanda de persoas doantes, e o Concello de Ames e o CTG animan á veciñanza maior de idade e en condicións de doar a achegarse e contribuír con este xesto solidario.
Como da mes do ano unha unidade móbil do Centro de Transfusión desprazarase até o municipio amesán. O vehículo que acudirá o mércores 17 e o xoves 18 de agosto ao Milladoiro estacionará na rúa Cruxa, ao carón do supermercado el Árbol. O horario para doar comprenderá entre as 9:30 e as 14:30 e entre as 15:30 e as 21:00 horas. A unidade móbil que prestará servizo en Bertamiráns situarase na Avenida da Maía, enfronte á propia praza da Maía, tamén en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas.
As persoas que queiran doar deberán cumprir estes requisitos mínimos: ter entre 18 e 65 anos (as persoas maiores de 65 anos precisan o permiso médico para doar) e unha saúde normal. Non se pode acudir sen almorzar, e se o fai tralo do xantar deberase agardar como mínimo dúas horas antes de doar. Outros requisitos específicos están sinalados nos folletos informativos que podes obter á túa dereita, baixo o apartado de descargas, xunto a outro documento informativo sobre as doazóns de sangue. O CTG publicou ademais un vídeo informativo sobre a doazón que podes ver clicando nesta ligazón.