[17-09-2016] Este martes, 20 de setembro, unha unidade móbil do Centro de Transfusións de Galicia estacionará fronte á praza da Maía de Bertamiráns. A súa labor consiste en facilitar o acto de doar sangue á veciñanza amesá. A unidade permanecerá aberta entre as 9:30 e as 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. Baixo o apartado de descargas, premendo nas ligazóns, poderás obter máis información sobre os requisitos para doar sangue e unha descrición do proceso.
As unidades móbiles do CTG foron postas en marcha para evitar aos veciños e veciñas o desprazamento até os centros de transfusión, facilitándolles levar a cabo o xesto solidario de doar. O concello de Ames recibe cada mes dúas destas unidades, unha no Milladoiro e outra en Bertamiráns. A que se despraza a Bertamiráns este martes 20 estará dispoñible para os usuarios e usuarias de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas.
Para poder doar sangue unha persoa debe ter entre 18 e 65 anos e ter un estado de saúde bo. Non se debe realizar unha doazón sen almorzar previamente e se se quere facer tralo xantar é preciso agardar un mínimo de dúas horas antes. As persoas que desexen empregar os servizos da unidade móbil do CTG deberán acudir coa súa tarxeta de doantes, se xa a teñen, ou co seu DNI se é a primeira vez que acoden a doar. O CTG publicou un vídeo para explciar o proceso de doazón de sangue, podes velo nesta ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.




