Pestanas principais

Unha sentenza obriga o autor dunha pintada no Milladoiro a indemnizar o Concello de Ames

Xoves, 09 de febreiro de 2012

[09-02-2012] O Concello de Ames será indemnizado polo autor dunha pintada nun muro da Travesía do Porto, no Milladoiro, tras a sentenza ditada polo Xulgado de Paz da localidade na que se condena ao infractor como responsable dunha falta por “deslucimento de bens inmobles de dominio público”. Os feitos tiveron lugar o 22 de xuño de 2011, data na que un empregado municipal da brigada de medio ambiente efectuou unha chamada á Policía local alertando da presenza dunha persoa que estaba a realizar pintadas nunha fachada municipal.

A actuación dos axentes permitiu a identificación do infractor no momento no que tentaba abandonar co seu coche o lugar dos feitos. No rexistro do vehículo, a Policía local incautouse de pintura líquida, sprays de diferentes colores, rodillos, espátulas e plantillas de madeira con distintos símbolos e formas.

No seu compromiso de perseguir e actuar de forma inmediata e dilixente ante calquera acto vandálico que poida rexistrarse no municipio, para evitar que poida quedar impune, o Concello de Ames decidiu denunciar os feitos e presentarse como acusación no proceso xudicial aberto no Xulgado de Paz da localidade. Na súa sentenza, con data 30 de novembro de 2011, o Xulgado de Paz considera probada a autoría das pintadas, admitida polo denunciante, e condena ao infractor a unha pena de 6 días de localización permanente por unha falta de "deslucimento de bens inmobles de dominio público" a indemnizar o Concello de Ames cunha suma de 500,95 euros como parte prexudicada.

O Concello de Ames quere agradecer a colaboración cidadá obtida para conseguir erradicar feitos como os denunciados anteriormente e, do mesmo xeito, destaca a eficacia da actuación da Policía local para avanzar neste labor común.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El autor de una pintada en O Milladoiro deberá indemnizar al ayuntamiento con 500 euros"
La Voz de Galicia: "Multado con 500 euros por hacer una pintada en Ames"