Pestanas principais

Unha senda peonil unirá As Mimosas con Biduído

Mércores, 22 de decembro de 2021

Após de unir a urbanización de As Mimosas coa igrexa parroquial de Biduído, esta senda enlazará coas beirarrúas de Biduído de Abaixo que van pola estrada DP – 0206. Tamén se contempla a creación dunha pequena superficie para o estacionamento de vehículos entre a senda e a estrada. O Goberno Municipal de Ames traballaba desde hai tempo coa Deputación provincial da Coruña para a posta en marcha do proxecto. Finalmente, foi aprobado o pasado 21 de decembro no pleno da Deputación. A creación deste itinerario peonil continúo e segregado ten como obxectivo evitar que a poboación empregue a beiravía da estrada nos seus desprazamentos e que, deste xeito, mellore  a seguridade tanto peonil como de tráfico rodado. As obras contarán cun orzamento de 119.970 euros. Agárdase que se liciten no vindeiro ano.

Ames tamén contará cunha nova senda na DP-0206 ao seu paso polo núcleo de Biduído, nun espazo onde hoxe en día non existe unha zona para o tráfico peonil. O camiño proxectado terá un ancho medio de dous metros. As obras contarán cun orzamento de 119.970 euros. A obra forma parte do Plan de Sendas da Deputación provincial a través do que se pretende mellorar a seguridade, tanto peonil como de tráfico.

A obra xurdiu en primeira instancia da aprobación dunha moción presentada e aprobada nun pleno da Corporación durante o mandato pasado. O atraso na súa execución veu dado pola ocupación duns terreos privados (1692m2) que, de non chegar a acordo cos propietarios, será necesario expropiar. Até o momento xa se levaron a cabo conversas previas para resolver este asunto.

"Esta é unha actuación importante e necesaria para esa zona, e en especial para a contorna da igrexa de Biduído, xa que reordena ese entorno, e mellora a seguridade peonil nun lugar moi transitado", declara o alcalde, Blas García, quen lembra tamén que: "Fai tempo que levamos traballando neste proxecto o cal por fin foi aprobado polo pleno da Deputación, e esperamos que durante o vindeiro ano se licite e comecen as obras".

Características da obra

As actuacións proxectadas no presente proxecto están encamiñadas á creación dun itinerario peonil continúo e segregado co fin de evitar que a poboación empregue a beiravía da estrada nos seus desprazamentos. A senda peonil contará cunha lonxitude de 328 metros e un ancho medio de 2,0 metros. O pavimento estará composto por 20 centímetros de saburra e 15 de formigón desactivado para deixar o árido descuberto. Tamén se creará unha pequena superficie para o estacionamento de vehículos entre a senda e a estrada. Empregarase un pavimento composto por 20 centímetros ee saburra e 15  de formigón HM – 20 con mallazo.

No treito de senda que discorre entre o acceso á igrexa e a súa conexión coa beiravía da estrada acondicionarase o terreo mediante o recheo con terra vexetal e a plantación de céspede. Esta solución tamén se empregará nas zonas verdes dispostas entre o aparcamento e a senda peonil. A restauración vexetal dos noiros resultantes do movemento de terras realizarase mediante hidrosementeira.

Para e rede de drenaxe superficial empregarase canalización soterrada de PVC, pozos de rexistro e sumidoiros. No extremo exterior da senda disporase un bordo de delimitación para o encanamento do esvaradoiro superficial cara os sumidoiros.Tamén será preciso executar a ampliación dunha obra de drenaxe con tubo de formigón armado, arqueta para colector con reixa e embocadura e aletas con encachado de pedra.

Empregaranse balizas LED de 35 cm. de altura para o alumeado da superficie da senda, situadas cunha separación de 10 metros.

Asemade, contémplase a construción de dous treitos de muro de pedras de granito para contención de terras de 30 metros e 10 metros de lonxitude, respectivamente.
Para darlle continuidade á senda nun punto onde a presenza dunha obra de drenaxe estreita a beiravía da estrada empregarase unha pasarela de madeira de 3 metros de lonxitude.

Previo ó inicio das obras será preciso levar a cabo as demolicións dos pavimentos que non sexan compatibles coa solución proxectada, obras de fábrica e cuneta revestida, así como o retranqueo de postes e sinais que impidan a correcta execución das obras e a corta. As actuacións complétanse coa colocación dunha varanda modular en aceiro inoxidable para a contencións dos peóns e 4 bancos formados por dous dados de pedra granítica e asento en listóns de madeira.

Expropiación dun terreo

No presente proxecto contémplase a expropiación dunha parcela para a execución das obras. Dita parcela, sita no concello de Ames ten 1.629 metros cadrados e está cualificada como “Solo de núcleo rural”. O orzamento resultante da valoración das expropiacións ascende á cantidade 24.350,79 €, incluído o prezo de afección.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Melloran a comunicación a pé cunha nova senda das Mimosas a Biduído"

Compostela 24 Horas: "Unha senda peonil unirá As Mimosas con Biduído"

Lindeiros: "Ames unirá As Mimosas e Biduido cunha senda peonil"

Senda peonil en Biduído

Multimedia

  • Senda peonil en Biduído
  • Senda peonil en Biduído
  • Senda peonil en Biduído
  • Senda peonil en Biduído
  • Senda peonil en Biduído