[08-08-2016] A finais do mes de xuño unha familia amesá, residente no Milladoiro, recibía a unha rapaza de 12 anos de idade procedente da rexión rusa de Briansk. Esta área, do país ruso, é a que presenta maiores niveis de contaminación radioactiva, procedentes do accidente nuclear de Chernóbil, que tivo lugar en 1986. A cativa residirá durante dous meses en Ames, no marco dun programa promovido pola ONG Ledicia Cativa para que familias galegas acollan a nenas e nenos rusos no verán; nun ambiente que permite que se beneficien de ciclos de descontaminación, o cal aumenta a súa esperanza de vida.
Este é o terceiro ano que Alina pasa as súas vacacións de verán con José Luís García e María Jesús Gómez. Ambos coñeceron a labor da ONG Ledicia Cativa a través dunha familia melidá, en cuxo fogar pasaba os veráns outra cativa beneficiaria do seu programa de acollidas. José Luís explica que o traballar en dúas centrais nucleares fíxoo máis sensible aos accidentes nucleares e ás súas consecuencias, o cal incentivou aínda máis a súa decisión de acoller unha nena ou un neno da área de Briansk. Despois de ser entrevistados polo persoal da ONG, e tras recibir unha visita ao seu fogar para constatar que eran aptos para participar no programa, José Luís e María Jesús recibiron a Alina por primeira vez en 2014.
A primeira experiencia da nena en Galicia foi tamén a máis dura, xa que a duras penas falaba en inglés e non tiña coñecementos de castelán. Non obstante, explica José Luís, pouco a pouco foi adaptándose. “A ONG organiza reunións das familias de acollida ao longo do verán, e nós procuramos participar en todas”, engade, “deste xeito Alina podía falar e xogar con outros compañeiros e compañeiras e sentirse máis cómoda e a gusto”. A finais do primeiro ano a rapaza atopábase máis integrada, o cal proba que repetise a experiencia de novo. “Poñémonos en contacto coa familia da rapaza ao longo do verán”, di José Luís, “e acordamos que aprendería o idioma”. A súa participación, no seu segundo ano, na Escola de Verán do Milladoiro facilitou esta aprendizaxe. “É unha rapaza moi sociable, e a Escola de Verán axudouna moito a integrarse e a trabar amizade con nenas e nenos de Ames”, declara satisfeita a familia de acollida da nena.
Como cada ano Alina acude ao centro de saúde do Milladoiro ao comezos da súa estadía en Galicia. Alí a pediatra faille un recoñecemento xeral. Estas estadías serven para que nenas e nenos se afasten no verán da contaminación radioactiva, beneficiando ao seu sistema inmunolóxico. “Cando falamos coa ONG explicáronnos que, segundo varios estudos, a estadía de dous meses pode aumentar ata dous anos a esperanza de vida dos cativos”, informa José Luís. Afirma estar moi ledo de participar neste programa de acollida e que as súas portas “permanecerán abertas a Alina mentres ela queira vir a Galicia”. No programa poden participar nenas e nenos dende os 7 ou 8 ata os 17 anos. Procúrase que a familia de acollida sexa, a ser posible, sempre a mesma, para facilitar a formación de lazos sociais. Alina e a súa familia, por exemplo, mantéñense en contacto ao longo do curso escolar “tanto a través do Skype como por WhatsApp”.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Alina, dos años más de vida por pasar sus vacaciones en Ames"




