Pestanas principais

Unha moza alemá fai un traballo sobre Rosalía de Castro na Biblioteca do Milladoiro

Martes, 16 de setembro de 2014

[16-09-2014] Chámase Sabine Leopold e é unha das 16 persoas que neste momento realizan prácticas en distintos organismos e empresas da comarca a través dun convenio asinado entre a Fundación Paideia e o proxecto alemán de integración no mercado de traballo e desenvolvemento rexional “La Ida” co que colabora o Concello de Ames. Sabine realiza actividades de auxiliar de biblioteca, colaborando na organización de fondos e atendendo en algunhas ocasións o servizo de préstamo. Paralelamente a moza alemá realiza un traballo sobre Rosalía de Castro.

As maiores dificultades coas que se atopa Sabine Leopold na biblioteca do Milladoiro teñen que ver co idioma. Iso non lle impide colaborar na ordenación de fondos e, en ocasións, atender o servizo de préstamos, sempre supervisada polos técnicos das bibliotecas municipais de Ames. Ademais desta axuda, Sabine recibe periodicamente a visita dun titor da Fundación Paideia e dun tradutor. Algúns usuarios e usuarias da biblioteca que falan alemán axudan tamén á Sabine na súa integración e no desenvolvemento das súas funcións como traballadora en prácticas.

Sabine forma parte dun grupo de 9 mozos e mozas, orixinarios de Cottbus, que a través do proxecto “La Ida” realizan actividades formativas en empresas que favorecen o seu axuste persoal e contribúen ao desenvolvemento das súas capacidades a través de distintas actividades coordinadas pola fundación Paideia. A moza estará en Ames ata o 11 de outubro. Ademais dos seus labores como auxiliar de biblioteca, a xove alemá ten a obriga de afondar na cultura do país de acollida a través do estudo de un dos seus autores. Sabine elixiu a Rosalía de Castro e para a realización do traballo sobre a autora de “En las orillas del Sar” está sendo axudada tanto polo seu titor e o seu tradutor como polos técnicos das Bibliotecas de Ames e por algúns usuarios e usuarias que dominan o idioma alemá.

A fundación Paideia Galiza é socio de “La Ida”, un proxecto do Ministerio Federal de Traballo e Asuntos Sociais que ten por obxecto organizar estancias transnacionais e que da a oportunidade a estes mozos e mozas de saír da súa contorna e desenvolver habilidades personais, sociais e técnicas, ademais de ofrecerlles a posibilidade de adquirir coñecementos lingüísticos e mellorar as súas capacidades de formación e ocupación.

Como empresa colaboradora, o Concello de Ames comprometeuse coa Fundación Paideia o cumprimento dunha programación de actividades, previamente acordada, e a realizar o seguimento e a valoración do proceso de prácticas da participante e, xunto cos titores designados pola Fundación e polo proxecto “La Ida”, e a revisar a programación unha vez iniciada a estadia formativa e á vista dos resultados e da evolución da participante.

Sabine, como o resto dos seus compañeiros e compañeiras de proxecto, dispón dun documento de seguimento e de avaliación das actividades realizadas que supervisa o técnico das Bibliotecas de Ames, Santi Eiris, como responsable da empresa colaboradora e os titores da moza designados pola fundación Paidea e polo proxecto “La Ida”. Neste documento figurarán as actividades máis significativas realizadas no transcurso das súas prácticas. Este documento lle servirá, sen dúbida, a Sabine, como pasaporte para atopar unha mellor situación laboral unha vez que regrese ao seu país.