Pestanas principais

Unha ducia de xogadoras e dous adestradores do FC Meigas participaron no Campionato Galego de Seleccións Comarcais

Martes, 17 de abril de 2018

[17-04-2018] No total, foron doce as xogadoras e dous os adestradores do FC Meigas que participaron coas respectivas seleccións de Santiago de Compostela no Campionato Galego de Seleccións Comarcais. O Campionato, que se celebrou en Marín, reuniu máis de 200 xogadoras das categorías cadete e infantil, que viñan representando ás seleccións das sete delegacións da Real Federación Galega de Fútbol e á subdelegación da Costa da Morte. Con esta competición, búscanse promover determinados valores ligados ao compañeirismo, ao respecto e ao xogo en equipo, entre outros.

O Fútbol Club Meigas vén de participar no Campionato Galego de Seleccións Comarcais, coas respectivas seleccións de Santiago de Compostela. Para este torneo, o Club aportou tres xogadoras para a categoría cadete (Teresa Pereiro, Sandra Seoane e Sofía Méndez) e nove para a categoría infantil (Martina Fraga, Antía Gómez, Uxía Penas, Laura Tilve, Laura Rodas, María López, Malena Pellegrino, Paula López e Gloria Neira). Do mesmo xeito, tamén participaron no Campionato dous adestradores do Club, J. Diego Montero e Jan Phillips.

Para as xogadoras do FC Meigas a participación no torneo supuxo unha grande experiencia, xa que alí puideron medirse coas mellores futbolistas de Galicia na súa categoría. No Campionato, as xogadoras do Meigas fixeron gala dos seus valores e da súa educación deportiva, tornándose no mellor exemplo do traballo que a diario se realiza na escola do Fútbol Club Meigas. O Campionato Galego de Seleccións Comarcais tivo lugar, por segundo ano consecutivo, en Marín.