Pestanas principais

Unha ducia de traballadoras e traballadores da brigada de obras municipal realizaron o curso de operador de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP)

Martes, 28 de novembro de 2017

[28-11-2017] O curso, que constou de dous módulos - un de carácter teórico e outro de carácter eminentemente práctico -, estivo organizado polo Concello de Ames. Del participaron unha ducia de traballadoras e traballadores da brigada de obras municipal. Cunha duración de oito horas, o curso tiña como obxectivo formar ás persoas participantes como operadoras e operadores de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP). Parte do temario estivo centrado nos factores de risco de accidentes e na prevención e protección fronte aos mesmos. No mes decembro, 19 alumnas e alumnos do obradoiro de emprego RenovAmes – Brión II realizarán un curso de primeiros auxilios no ámbito laboral.

O funcionamento das plataformas elevadoras móbiles de persoal centraron a formación realizada por unha ducia de traballadoras e traballadores da brigada de obras do Concello de Ames. O curso, cuxa duración foi de oito horas, contou cun módulo teórico e outro práctico. No primeiro abordáronse, entre outras, cuestións como os requisitos básicos das operadoras e operadores, o tipo de plataformas, o funcionamento das mesmas e a lexislación e a normativa vixentes. 

Neste módulo, a seguridade das persoas traballadoras tamén tivo unha importancia fundamental. Deste xeito, as persoas asistentes afondaron nas características do entorno de traballo, nos riscos existentes e nos factores que os provocan, así como nas medidas de prevención e protección e nos procedementos de seguridade a seguir. O módulo práctico contou, pola súa banda, cunha parte común e cunha parte individual. A común estivo baseada no manexo dos equipos a empregar na parte individual, que constou dun exercicio práctico no que estiveron moi presentes as recomendacións de seguridade traballadas, previamente, no módulo teórico.

A prevención de riscos laborais centrou, asemade, a formación realizada no mes de setembro por 19 asistentes do obradoiro de emprego RenovAmes-Brión II. Nesta formación tratáronse aspectos tan relevantes e variados para seguridade das traballadoras e traballadores como as posturas de traballo, a manipulación manual e mecánica de cargas, os traballos en altura, o emprego de ferramentas manuais, a instalación de máquinas e doutros equipamentos de traballo, as operacións de soldadura, así como os equipos de protección individual e extinción de incendios, as medidas a adoptar en casos de emerxencia e mesmo unha introdución aos primeiros auxilios no ámbito laboral. 

Curso de primeiros auxilios para o alumnado do obradoiro de emprego RenovAmes-Brión II
No mes de decembro, 19 alumnas e alumnos do obradoiro RenovAmes-Brión II cursarán unha formación en primeiros auxilios no traballo. Cunha duración total de catro horas, a formación tocará diferentes ámbitos que irán desde o lexislativo ao anatómico, pasando pola xestión de incidentes e o salvamento e o socorrismo. Os coñecementos adquiridos serán avaliados a través dun exame de aptitude. Dita avaliación estará composta por unha parte teórica, mediante unha batería de preguntas tipo test, e dunha parte práctica conformada por exercicios de diferente tipo ( tratamento de hemorraxias, amputacións, queimaduras, luxacións...). As persoas que completen o curso recibirán un certificado de aproveitamento desta actividade formativa.