[15-10-2014] O Concello de Ames, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, organizou o pasado venres un obradoiro de emprego dirixido a persoas desempregadas. Baixo o título “Activando o teu futuro”, un total de doce mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos coñeceron as claves para mellorar a empregabilidade xuvenil. A dinamizadora municipal, Sonia Sánchez, foi a encargada de impartir esta acción formativa.
O obradoiro forma parte do Programa Activa 2014 da Consellaría de Traballo e Benestar. A súa finalidade é definir as claves que faciliten a busca activa de emprego. Os participantes analizaron as oportunidades de traballo e competitividade laboral actuais e recibiron pautas para optimizar as habilidades e destrezas na toma de decisións a respecto do seu futuro profesional. Estudaron a opción do autoemprego ou o asociacionismo, coñeceron os distintos tipos de currículo e carta de presentación, os organismos e empresas vinculados con ofertas laborais e aspectos para mellorar a motivación e a consecución do éxito no proceso de procura de emprego.
Para os asistentes a xornada foi “moi positiva” e finalizaron a sesión debatendo sobre as súas preocupacións laborais. Ademais, dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames facilitáronlle información sobre os recursos da Dirección Xeral de Xuventude, como bolsas de estudo, programas europeos, voluntariado ou iniciativa xove.
Ames é un dos concellos que máis crece de toda Galicia e rexistra unhas das máis altas porcentaxes de poboación xuvenil na provincia de A Coruña. Segundo o concelleiro de Xuventude, Bernardo Moar: “somos conscientes de que a nosa poboación máis nova ten que ter a maior información posible para buscar o seu oco no mercado laboral e agardo que as ferramentas que se lle ofreceron aos participantes neste curso lles sirvan realmente para motivarse e atopar máis facilmente traballo”, destacou Moar.




