[21-04-2015] Dez empresas optan a xestionar o programa municipal de conciliación Escola de Verán. O Concello de Ames sacou a licitación este servizo por un período de dous anos, ofrecendo a posibilidade de prorrogalo por dúas temporadas máis, unha novidade en relación ás edicións anteriores.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, considera este factor “un atractivo para que as empresas garantan a súa estabilidade. Ademais, mellórase o servizo, ao tempo que se produce un aforro na prestación”. Amor destaca que é a edición na que se presentaron más empresas.
O programa Escola de Verán é un servizo educativo e de ocio dirixido a escolares de Educación Infantil e Primaria, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. Pretende ser unha alternativa de lecer para os rapaces durante as vacacións estivais, ao tempo que facilita a conciliación da vida laboral e familiar. Ofrécese de luns a venres entre as 7:30 e as 16:00 horas, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro.
Educar en igualdade, fomentar o compañeirismo, a tolerancia e o respecto cara aos demais, son algúns dos obxectivos que persegue a Escola de Verán, unha iniciativa que beneficiou a máis de trescentos nenos nas últimas edicións.
Dende o consistorio indican que a resolución definitiva da firma adxudicataria coñecerase a finais do mes de maio, despois de que os técnicos valoren o proxecto educativo e a oferta económica das propostas.




