Pestanas principais

Unha curta creada polo alumnado do CEP de Ventín clausurará este sábado o festival Amal

Venres, 28 de outubro de 2016

[28-10-2016] Este sábado, 29 de outubro, alumnas e alumnos do CEP de Ventín serán os protagonistas da clausura do Festival de Cine Euroárabe Amal 2016. No auditorio Abanca, situado na rúa compostelá do Preguntoiro, presentarán a súa curtametraxe “A viaxe de Ghada” en compañía do seu mestre, e director, Manuel Villar e do concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil. A proxección comezará ás 12:00 horas e a entrada será de balde.

A curtametraxe documental “A viaxe de Ghada” creada por alumnado do CEP de Ventín, no Milladoiro, proxectarase este sábado e servirá como clausura ao Festival de Cine Euroárabe Amal 2016. O festival, centrado este ano no papel da muller, vense desenvolvendo ao longo de toda esta semana en Santiago de Compostela. Os propios alumnos e alumnas acudirán acompañados do mestre impulsor deste proxecto na escola, Manuel Villar, e do concelleiro de Educación e Cultura David Santomil.

A semente deste proxecto nace dunha conversa que o propio Manuel Villar escoita nunha cafetería: un grupo de persoas discute e afirma que as persoas refuxiadas véñennos roubar os traballos aos galegos e galegas. Ao mestre indignáronlle tales declaracións e considera “lamentable esa forma de pensar e culpabilizar á xente que é vítima dunha guerra que non escolleu”.

A raíz disto decide converter unha das unidades didácticas que imparte en Ventín nun proxecto en torno ao concepto da persoa refuxiada, argumentando a súa definición como “persoa obrigada a fuxir”. Nenas e nenos de 6 a 12 anos enfrontáronse nas súas aulas ao reto de comprender e definir por si mesmos conceptos como guerra, conflito, ou intolerancia e valores como solidariedade, convivencia ou diversidade. “Dramatizamos cos alumnos para que comprendesen como se sentiría un neno refuxiado da súa idade” relata Villar.

A viaxe de Ghada relata a historia da guerra a través dos ollos de dúas nenas obrigadas a deixar o seu fogar e o seu país. Quere reflectir ademais a esperanza que simbolizan os nenas e nenas. Na peza o alumnado de Ventín fai, ademais, unha entrega simbólica “do seu obxecto máis prezado” a un neno ou nena refuxiados. O resultado de todo este traballo é unha peza de 39 minutos, montada por Álex Uzal, que se poderá ver o sábado no auditorio Abanca en Compostela.

O mestre quixo dedicar unhas palabras de agradecemento á organización do festival Amal por mostrar interese polo seu proxecto e “convidarnos a colaborar”. Confía tamén en que a difusión deste traballo axude a proxectar cara o exterior o traballo e aprendizaxe “que se realizan na escola”. Para aquelas persoas que non podan acudir este sábado “A viaxe de Ghada” está dispoñible en Youtube.