Pestanas principais

Un xurado formado por María López Sández, Armando Requeixo e Pablo Calvo elixirá entre 155 traballos os gañadores/as do XVIII Certame Literario de Ames

Xoves, 22 de abril de 2021

A profesora e escritora María López Sández, o profesor e crítico literario Armando Requeixo, e o profesor e autor, Paulo Calvo, veciños e veciña de Ames, serán os encargados de xulgar os 155 traballos que se presentaron á XVIII edición do Certame Literario. Os gañadores e gañadoras daranse a coñecer o 18 de maio a través da web municipal e das redes sociais do Concello de Ames. A entrega de premios farase o 21 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Certame Literario de Ames retoma as cifras de participación nas que se viña movendo até o ano pasado. As circunstancias especiais da convocatoria do 2020 provocaron unha diminución considerable no número de traballos presentados que se reduciron a 65. Esta situación superouse na convocatoria deste ano na que se presentaron 155 textos, 90 máis que na edición anterior.

A categoría máis concorrida polos creadores literarios nesta ocasión foi a de poesía para maiores de 18 anos á que se presentaron 58 traballos. Na modalidade de narrativa da mesma categoría presentáronse 49 obras. Un total de 14 e 13 traballos concorren á segunda categoría para autores de entre 14 e 17 anos nas modalidades de poesía e narrativa respectivamente. Na primeira categoría dirixida a persoas de menos de 13 anos concorreron 7 obras de poesía e 14 de narrativa.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, considera un éxito que as cifras volvan situarse nos valores que precederon ao ano no que se destapou a crise sanitaria da COVID-19. “Este ano volveu a presentarse un número similar de traballos ao que se viñan presentando en edicións anteriores ao ano 2020, o que dalgún xeito indica que as cousas van mellorando, e que o noso certame literario segue a ser un concurso de referencia para moitos creadores e creadoras en lingua galega”.

O xurado
María López Sández, Armando Requeixo e Paulo Calvo,  dous veciños e unha veciña de Ames, todos eles dedicados ao mundo da ensinanza e a creación literaria serán os encargados de xulgar os traballos presentados e ditaminar quen van ser os gañadores e gañadoras entre as obras presentadas. Nesta ocasión chegaron traballos de toda Galicia e de varias comunidades como Andalucía, Euskadi e Madrid. Tamén chegaron traballos doutros países europeos como Alemaña ou Portugal.

María López Sández é escritora e profesora de ensino secundario e exerce de profesora asociada na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Licenciada en Filoloxía Hispánica, Inglesa e Galego-Portuguesa, é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada.  A súa produción narrativa está conformada por obras como A forma das nubes, premio Repsol de Narrativa, e O faro escuro. López Sández é tamén a autora do ensaio Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio, e recentemente, vén de publicar con Marilar Aleixandre Movendo os marcos do patriarcado, un estudo sobre o pensamento feminista de dona Emilia Pardo Bazán .

O profesor de Economía e Matemáticas no ensino secundario, Paulo Calvo, publicou o ano pasado a súa primeira novela, A Maldición de San Brandán, na colección xuvenil Costa Oeste da editorial Galaxia. Anteriormente, recibiu premios en certames como o de microrrelatos de Panxea; o certame do Centro Galego de Frankfürt e nos Sonigramas do Diario Cultural da Radio Galega. Ademais, colaborou cunha serie de relatos curtos de xénero fantástico no libro Contos estraños. Segunda era.  

Armando Requeixo é crítico literario, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e docente na Universidade de Santiago. Ensaísta e tradutor, Requeixo é membro da sección de crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da Asociación Española de Críticos Literarios e do PEN Club Galicia. É colaborador habitual en varios medios de comunicación, e desde o 2011 mantén o blogue Criticalia, onde publica críticas das novidades editoriais ao tempo que achega reflexións sobre diversas cuestións vinculadas coa literatura galega.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Fartura de novos valores literarios nun certame que atrae xa a lusos e alemáns"

cartel certame literario 2021