Pestanas principais

Un veciño do Milladoiro foi o gañador do sorteo de 600 euros en compras que se realizou con motivo das festas da Madalena

Luns, 10 de setembro de 2012

[10-09-2012] Con motivo das festas da Madalena, que se celebraron os días 22 de xullo e 3, 4 e 5 de agosto, na localidade do Milladoiro organizouse un sorteo de 600 euros para gastar nos establecementos comerciais desta localidade. Por primeira vez este ano os comercios do Milladoiro participaron nesta iniciativa que organizou a Asociación A Madalena do Milladoiro. Juan Luís Lugo, un veciño do Milladoiro, foi o agraciado neste sorteo e gañou os 600 euros para mercar nos comercios do Milladoiro.

Hoxe pola mañá o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e o presidente da Asociación A Madalena do Milladoiro, Carlos Rivas, fixeron entrega do diñeiro co que estaba dotado o premio do sorteo que se organizou con motivo das festas da Madalena do Milladoiro. O agraciado foi un veciño do Milladoiro que recibiu 600 euros que terá que gastar nos establecementos comercias desta localidade.

Dende a Asociación A Madalena do Milladoiro calculan que se repartiron preto de 85.000 boletos. Uns 80.000 boletos repartíronse entre as persoas que fixeron algunha compra nos 160 establecementos comerciais do Milladoiro que participaron nesta iniciativa. Outros 4.500 boletos repartíronse entre os veciños e veciñas que doaron 5 euros para organizar as festas do Milladoiro.

Por primeira vez este ano os comercios do Milladoiro participaron nesta iniciativa que organizou a Asociación A Madalena do Milladoiro. Segundo manifestaron dende a propia asociación esta iniciativa tivo unha gran aceptación tanto entre os comerciantes como entre a clientela que compra nos establecemento comerciais do Milladoiro. O número agraciado foi o 81.084 que coincidía co número ganador do sorteo da ONCE do pasado 7 de agosto de 2012.