Pestanas principais

Un veciño de Ames faise cun accésit no II concurso "Enfoque Ambiental" organizado pola Fegamp

Venres, 28 de xaneiro de 2011

[28-01-2011] As bases do concurso só tiñan previsto outorgar tres premios, un de 300 euros para mozos de entre 11 e 15, outro da mesma dotación económica para aqueles que tivesen entre 16 e 18 anos, e, finalmente, un terceiro premio dotado con 500 euros para aqueles que superen os 18 anos. Mais, debido á alta calidade e orixinalidade das imaxes enviadas ao concurso, os xuíces víronse na obriga de outorgar un accésit dotado con 100 euros a unha cuarta fotografía, a de Enrique de la Iglesia, titulada "O corazón do medio". A entrega de premios terá lugar en febreiro. A Aula da Natureza encargouse de difundir no noso concello toda a información necesaria, así como tamén todo o asesoramento medio ambiental entre os participantes do termo municipal de Ames.

Un día calquera paseando pola Alameda de Santiago, unha imaxe que impacta na retina e rebota no cerebro, unha cámara na man, unha orde que emana da masa gris e ordena ao brazo estirarse, ao ollo enfocar, ao dedo índice premer o botón. A imaxe que impacta por efecto da mecánica ocular do trebello na cámara escura e queda gardada na memoria, artefacto dixital. Un momento breve, unha boa peza fotográfica que logra rachar as pautas do II concurso de fotografía natural "Enfoque Ambiental" -organizado polo departamento de medio ambiente da Fegamp- nas que estaba previsto entregar tres premios ás mellores fotografías presentadas nos tres apartados establecidos: mozos e mozas de 12 a 16 anos, de 16 a 18; e de 18 en diante.

Polo medio cruzouse unha grande cantidade de fotografías de calidade e despois de ocupar os tres chanzos do pódium establecido pola normativa, o xurado tivo a ben recoñecer tan alta calidade e outorgarlle un accésit dotado con 100 euros ao veciño de Ames Enrique de la Iglesia González pola súa imaxe "O corazón do medio".

Nun momento da historia do planeta no que os gases emitidos polas industrias e sobre todo, polos medios de transporte, están a rachar a convivencia entre o ser humano e o medio, un home que pasa gran parte do día nun vehículo, instrumento de traballo fundamental e ineludible para todo transportista, recolle nunha imaxe a súa paixón pola natureza e a forma de vela, o seu pensar persoal sobre o medio ambiente reflectido nun clic. ¿E por que non un transportista consciente e comprometido coa natureza? En Ames temos un.

¿Que pretendía reflectir coa fotografía?: "O corazón do medio, as follas como os elementos que dan vida á natureza, a folla murcha sobre a terra fronte ás follas aínda prendidas das árbores, a vida e a morte". Se o corazón é o órgano central do ser humano polo feito de achegar o sangue, a folla é o elemento central da fotosíntese, a peza desa máquina natural chamada árbore que recolle o CO2 e o devolve á atmosfera transformado en osíxeno respirable vital. Onde non hai osíxeno non hai vida, onde non hai follas penduradas das árbores non hai mecanismo natural que limpe o aire, e por elo, non hai calidade de vida.

"Foi algo que xurdiu, gustoume a forma da folla, o contraste entre as follas vivas e as secas, e quiteille a foto". Foi algo espontáneo que xurdiu durante un paseo na Alameda de Santiago porque Enrique non vive lonxe da natureza, todo o contrario, mantén con ela a boa relación da persoa afeccionada ao sendeirismo, á montaña, acostumado a pasar o tempo camiñando pola natureza e a gozar da fotografía como hobby.

Os premios falláronse o pasado 10 de decembro e entregaranse en febreiro. Enrique recibirá pola súa foto un cheque de 100 euros e unha escultura conmemorativa deste concurso.

O concurso "Enfoque Natural" está organizado polo departamento de medio ambiente da Fegamp -que contou coa colaboración da Aula da Natureza do concello de Ames-, organismo supramunicipal que impuxo para dar validez ás fotografías enviadas as seguintes condicións: as imaxes debían versar sobre calquera tema relacionado co medio ambiente en Galicia, tiñan que presentarse reveladas e cunhas dimensións de 20x30 ou 16x20 centímetros, só se podía presentar unha foto por participante e estes debían evitar en todo momento levar a cabo accións contra a natureza ao tomar a foto. As persoas que enviaron as súas imaxes cederon voluntariamente a propiedade das mesmas á Fegamp, que en caso de publicalas citará aos autores.

O xurado, composto pola presidenta da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade, o alcalde de Ames Carlos Fernández en condición de presidente da Fegamp e un técnico desta, un técnico da consellería de Medio Ambiente, o responsable de comunicación da Fegamp e o secretario da Rede, fallaron os premios o pasado 10 de decembro outorgando o premio no apartado de persoas de entre 11 e 15 anos a Carmela García González pola imaxe "O enfoque da desolación"; no apartado de 16 a 18 anos a Tania Villamarín García por "Soño de tantos, recuncho esquecido, latido marrón" e a Víctor Barro Casal pola súa foto titulada "Adeus árbore, adeus bosque...". As dúas gañadoras recibirán 300 euros e o gañador da última categoría 500, ademais dunha escultura conmemorativa do certame. Enrique de la Iglesia González logrou meterse entre os gañadores coa súa foto ao presentarse na última categoría cunha imaxe que chamou tanto a atención do xurado que este decidiu outorgarlle un accesit dotado con 100 euros e a escultura conmemorativa. Os premios serán entregados en febreiro. A Fegamp está a organizar todo o relacionado coa súa entrega e avisará por carta aos gañadores da data e lugar definitivo do acto.

O concello de Ames congratúlase de ter a un dos seus veciños entre os premiados e felicita a este cidadán pola orixinalidade e amplo sentido simbólico da súa imaxe: unha folla con forma de corazón que simboliza a importancia das árbores como elementos fundamentais para o medio natural.