Pestanas principais

Un total de 95 persoas participaron no curso de prevención, tratamento e asistencia nos casos de alerxia e intolerancia a alimentos en idade escolar

Venres, 22 de xuño de 2012

[22-06-2012] O Pazo da Peregrina acolleu onte pola tarde o acto de entrega de diplomas do curso de prevención, tratamento e asistencia nos casos de alerxia e intolerancia a alimentos en idade escolar. O alcalde de Ames, Santiago Amor, que estivo acompañado por varios/as concelleiros/as do grupo de goberno foi o encargado de facer entrega dos diplomas. A este curso, que se desenvolveu no mes pasado de decembro, asistiron un total de 92 alumnos/as e 3 poñentes. Esta actividade constou de tres charlas informativas que foron impartidas por Dolores Mouriz Cereijo, vogal da Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex (AEPNAA), Rosana Martínez Lago, técnica de dietética e nutrición municipal, María Dolores Martínez García, enfermeira do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.


O persoal de cociña da Rede Municipal de Comedores Escolares e os monitores dos servizos complementarios de Ames participaron nun curso sobre a prevención, tratamento, e a asistencia dos casos de alerxia e intolerancia a alimentos en idade escolar. En total foron 92 as persoas que asistiron durante o mes de decembro a esta actividade formativa que constou de tres charlas. Asistiron 14 monitores/as do comedor do CEIP A Maía, 8 monitores/as do comedor do CEIP Agro do Muíño, 2 monitoras do comedor do CEIP de Barouta, 19 monitores/as do comedor do CEP de Ventín, 16 monitores/as do comedor da EEI Milladoiro, 27 cociñeiros/as da Rede Municipal de Comedores Escolares, 6 monitoras do servizo de Tardes Divertidas e a coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares, María Cecilia Rodríguez Borges. Este curso foi de grande axuda para saber como tratar a nenos e nenas que requiren unha atención especial á hora de comer.

Unha vez rematado o curso escolar onte pola tarde realizouse o acto de entrega de diplomas que acreditan o correcto aproveitamento destas charlas. Este acto estivo presentado pola coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares, María Cecilia Rodríguez Borges. En representación do goberno municipal asistiu o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Servizos, Ramón García Argibay, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e a concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde, que foron os encargados de facer entrega dos diplomas.

Contidos do curso

Esta actividade constou de tres charlas informativas que foron impartidas por Dolores Mouriz Cereijo, vogal da Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex (AEPNAA), Rosana Martínez Lago, técnica de dietética e nutrición municipal, María Dolores Martínez García, enfermeira do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. A primeira charla foi impartida pola vogal de AEPNAA. Esta conferencia estivo centrada fundamentalmente en temas de prevención e explicáronse as opcións que hai que tomar á hora de facer a compra tendo en conta o etiquetado e as precaucións a adoptar para evitar a contaminación dos alimentos.

A continuación interveu a nutricionista municipal, que identificou casos concretos cos que se traballa nos comedores municipais e nos servizos complementarios, Bos días Cole e Tardes Divertidas. É de vital importancia que todos os axentes sociais (as persoas encargadas da matriculación, a nutricionista, o persoal de cociña, os monitores e os propios pais) que teñen contacto cos nenos, conten cunha boa información e teñan conciencia dos filtros de seguridade que deben pasar os alimentos antes de chegar a cada neno en concreto, do mesmo xeito que pode ser determinante que o monitor que atende o neno na hora da comida saiba se o que ten no prato se corresponde co seu menú.

A nutricionista municipal, Rosana Martínez, explicou tamén os 17 protocolos de alimentación establecidos para máis de 100 nenos e nenas que requiriron algún tratamento especial na Rede Municipal de Comedores durante o curso 2011-12. Os diferentes protocolos son: metabolopatías, mal absorción á frutosa, alerxia á proteína do leite, intolerancia á lactosa (trazas si, trazas non), ao ovo (trazas si, trazas non), aos produtos do mar (non marisco, non peixe), ao glute, refluxo, flatulencia, colesterol elevado, hipertensión, dieta rica en fibra, dieta adstrinxente, control de peso.

María Dolores Martínez García, enfermeira do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, foi a encargada de impartir a terceira conferencia. Martínez García tratou temas como a sintomatoloxía de alerxias e intolerancias e a maneira de actuar ante calquera incidencia. Tamén informou sobre a existencia e funcionamento do programa Alerta Escolar, polo cal o servizo do 061 conta co historial dos nenos que están incluídos nel. A enfermeira rematou a súa intervención cun taller práctico con simuladores de autoinxectores de adrenalina e con autoinxectores en laranxas. A enfermeira explicou tamén síntomas e evolución e incidiu en que un neno alérxico é un neno san, coa peculiaridade de que non pode comer algúns alimentos, polo que se debe ter coidado de non estigmatizalo.