Pestanas principais

Un total de 64 nenos/as da escola infantil municipal O Bosque reciben o seu diploma de graduación no festival de fin de curso

Luns, 24 de xuño de 2013

[24-06-2013] O alumnado da escola infantil municipal O Bosque, de Bertamiráns, despediu o curso cun festival onde realizaron unha representación musical. Un total de 64 nenos/as de 2 a 3 anos, que deixan a escola infantil de cara ao vindeiro curso, recibiron o seu diploma de graduación e unha gorra de agasallo. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este festival no que tamén participaron pais/nais e as profesoras da escola infantil. En representación do goberno municipal asistiu o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Tamén asistiron os edís do grupo municipal socialista, Isabel González e Francisco Doval.

Os nenos e nenas de 2 a 3 anos remataron a súa andaina na escola infantil municipal O Bosque e para o próximo curso terán que comezar os seus estudos nos colexios de segundo ciclo de infantil. Para despedilos como se merecen organizouse un festival na Casa da Cultura de Bertamiráns no que tamén participaron os pais e nais do alumnado, as profesoras e o persoal da escola infantil O Bosque.

O festival de despedida de curso comezou cunha actuación musical por parte dos 64 nenos que rematan a súa estadía nesta escola. Os nenos e nenas están repartidos en tres aulas e cada clase interpretou unha canción diferente. As cancións que se cantaron e bailaron foron “A formiguiña”, “O arco iris” e o famoso “Gangnam Style”.

A continuación, realizouse a proxección dun vídeo sorpresa. O persoal deste centro de ensino, como ven facendo nos últimos festivais, preparou para todos os asistentes a proxección dun vídeo resumo no que se recollían os cambios que experimentaron os nenos e nenas dende a súa chegada á escola (algúns aos 3 meses) ata a actualidade. Os pais e nais poderán facer unha copia deste vídeo para que lles quede de recordo do paso dos seus fillos/as pola escola infantil municipal O Bosque.

Finalmente, o acto rematou coa tradicional entrega dos diplomas de graduación, que acreditan que os cativos/as de entre 2 e 3 anos, xa remataron os seus estudos neste centro educativo.