Pestanas principais

Un total de 60 pais e nais asistiron onte á xornada informativa sobre o paso da educación primaria á secundaria

Martes, 05 de xuño de 2012

[05-06-2012] Un total de 60 pais e nais de Ames asistiron onte á xornada informativa celebrada na Casa da Cultura de Bertamiráns dirixida ás familias do alumnado de sexto curso de educación primaria dos catro centros de ensino do Concello. Ao final da charla, os pais puideron consultar cos profesionais as súas dúbidas ante o paso dos seus fillos da educación primaria a secundaria.

Nesta actividade informativa, interviñeron o alcalde de Ames, Santiago Amor; a psicóloga clínica, técnica de prevención de drogodependencias dos concellos de Ames, Brión e Negreira, Sagrario Ferreira; a directora do Instituto de Ensinanza Secundaria de Ames, María Soledad Louro; a directora do CEIP A Maía, Rosalía Avilés, e o garda civil do Plan Director Convivencia Escolar, José Souto. Ao acto tamén asistiron a concelleira de Sanidade, Eugenia Martín, e a de Igualdade, María González.

Durante a clausura da xornada, o alcalde de Ames agradeceulles aos pais e nais a súa asistencia ao acto e asegurou que con estas iniciativas “o Concello quere trasladar a súa preocupación polo benestar das familias amienses e polos nosos mozos”. Santiago Amor subliñou que a transición de primaria a secundaria “implica novos e grandes retos”, polo que apostou por “ofrecer toda a información posible para saber como enfrontalos, como é o caso desta charla coa que se están poñendo unhas bases que vos permitirán saber como reaccionar”.

O obxectivo desta charla informativa, organizada pola Concellaría de Sanidade, era informar e sensibilizar os pais e nais para prever diferentes condutas de risco ou situacións problemáticas derivadas do paso da educación primaria á secundaria. A charla tenta abrir un marco de debate e reflexión sobre o papel da familia na socialización e educación dos fillos. Búscase promover unha maior implicación dos pais e nais ou titores como axentes de saúde e fomentar a adquisición das competencias necesarias para que poidan desenvolver esta importante función de forma axeitada.

A xornada tentou resolver todas as dúbidas e inquietudes dos pais, que adoitan ter preocupación polo cambio que supón o paso de educación primaria a secundaria, pasando dun centro de educación infantil e primaria a un instituto de ensinanza secundaria.