Pestanas principais

Un total de 59 familias de Ames vanse beneficiar das axudas municipais para familias numerosas

Xoves, 21 de decembro de 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 1 de decembro a concesión de axudas para as familias numerosas do Concello de Ames. Así, aprobouse a concesión de 70.800 euros entre 59 familias. A axuda consiste nun pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. A ela puideron optar as familias numerosas que teñen a súa residencia habitual en Ames, de maneira ininterrompida desde hai polo menos un ano.

Con esta liña de axudas, a Concellería de Benestar Social busca non só apoiar a este tipo de familias, senón tamén fixar poboación no municipio para potenciar un crecemento demográfico sostido no tempo. O obxectivo destas axudas é proporcionarlles apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, ou organismos análogos doutras comunidades autónomas.

Os beneficiarios/as destas axudas son aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames, pretende axudar a aquelas familias que teñen máis dificultades para a crianza dos fillos; aínda que estas axudas non son exclusivas, singulariza a Ames entre os municipios da área.

Para iso, a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a concesión destas axudas económicas tramitadas no ano 2023, que consisten no pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. Neste caso, concédese o reparto de 70.800 euros entre 59 familias. Ademais, denegóuselle esta axuda a 38 familias por diversos motivos recollidos nas bases de dita convocatoria de axudas.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destaca que “en Ames hai un número importante de familias para as que estas axudas son imprescindibles á hora de abordar os seus gastos. As familias numerosas xogan un papel importante á hora de reverter a situación demográfica xeral, polo que o Concello seguirá apostando por este tipo de axudas que supoñen un apoio a estas economías familiares”.

Un total de 59 familias de Ames vanse beneficiar das axudas municipais para familias numerosas