[27-06-2012] Esta semana comezaron os campamentos de verán que organiza o Concello de Ames a través da Concellaría de Medio Ambiente. Un total de 52 nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos participan durante esta semana no campamento da granxa escola de Bergando, situado no concello de Negreira. Os primeiros en ir de campamento foron os 26 rapaces de 3 e 4 anos (1º e 2º de infantil), que gozaron de dous días de actividades e divertimento. Este é o grupo máis novo que acode a esta actividade. Ademais, hoxe vai de campamento outro grupo de 26 nenos e nenas de 3º de infantil. Estes nenos e nenas tamén van á granxa colexio escola de Bergando entre os días 27 e 29 de xuño. Neste campamento os nenos aprenderán a traballar en grupo coidando os animais da granxa e recollendo hortalizas e froitas na horta. Ademais participarán en diferentes obradoiros de repostaría e divertiranse con xogos, bailes e contos.

O Concello de Ames puxo en marcha un ano máis unha das actividades máis esperadas polos cativos/as, os campamentos de verán, nos que este ano participarán un total de 233 rapaces. Estas actividades teñen como finalidade permitir que ás nais e pais poidan conciliar por uns días a vida familiar coa laboral, mentres os seus fillos se divirten. Estes campamentos de verán están dirixidos a todos os nenos e nenas de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, ESO e rapaces e rapazas de ata 18 anos, empadroados no Concello de Ames.
Esta semana comezaron os campamentos de verán. Os primeiros, os máis pequenos, en ir de campamento foron os nenos e nenas de 3 a 4 anos, que acudiron a granxa escola de Bergando, situada no concello de Negreira. Os cativos pasaron unha noite fóra do seu fogar. Este campamento desenvolveuse durante os días 25 e 26 de xuño. O obxectivo fundamental da actividade foi que os nenos/as poidan pasar uns días inesquecibles facendo novos amigos, mentres aprenden a compartir e respectar a natureza.
Os cativos de 3 e 4 anos, ao ser nenos/as tan pequenos, estiveron acompañados dos monitores en todo momento (comida, cea, noite e por suposto durante todas as actividades). Para romper o xeo, o luns cando chegaron, fixeron varios xogos de presentación para coñecerse. A continuación comezaron coas actividades. Primeiro, foron ver os animais da granxa e botáronlle de comer. Ademais, os nenos/as puideron ver as crías de porco celta que acababan de nacer. Os rapaces tamén regaron os pementos, as patacas e as xudías da horta e foron de paseo en tractor.
Xa pola tarde montaron en cabalo, cepilláronos e limparon as súas cortes. Os nenos e nenas tamén participaron nun obradoiro para elaborar bolos preñados e chocolate. A última hora da tarde tiveron tempo para os xogos e gozaron saltando nos inchables e deron un paseo nun carro tirado por un cabalo. Tras a cea os rapaces participaron nunha velada de música e baile antes de ir durmir.
Durante a xornada do martes participaron nun obradoiro de cociña para elaborar diferentes doces como palmeiras de azucre ou croissants. Tamén tiveron tempo para traballar na horta da granxa e plantar diferentes alimentos. Xa pola tarde para escapar da abafante calor que ía os rapaces escoitaron un conto nunha carballeira e refrescáronse na piscina.
Hoxe sae outro grupo de 26 nenos e nenas de 3º de infantil. Estes nenos tamén van á granxa colexio escola de Bergando entre os días 27 e 29 de xuño. Ao igual que o grupo anterior, neste campamento os nenos aprenderán a traballar en grupo coidando os animais da granxa e recollendo hortalizas e froitas na horta. Ademais participarán en diferentes obradoiros de repostaría e divertiranse con xogos, bailes e contos.





