Pestanas principais

Un total de 50 persoas participarán o domingo na I Andaina Solidaria por Ames

Venres, 25 de maio de 2012

[25-05-2012] Un total de 50 persoas inscribíronse para participar este domingo, 27 de maio, na I Andaina Solidaria por Ames, organizada polo Club de Atletismo Milla Raio e Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns en colaboración co Concello de Ames. Esta actividade comezará ás 10.00 horas e realizarase pola senda verde, pero terá dous puntos de partida, Bertamiráns e O Milladoiro.

Os participantes camiñarán ata un punto de encontro, que será o campo da festa de Bugallido. Posteriormente, os camiñantes volverán cara ao punto de partida. Os participantes que saian dende O Milladoiro andarán unha distancia de 14 quilómetros, mentres que as persoas que partan dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, percorrerán 12 quilómetros. A participación na carreira requirirá o pagamento dunha doazón de tres euros co obxectivo de recadar fondos para Cáritas.

A Concellaría de Deportes organiza a I Andaina Solidaria por Ames que se celebrará o domingo a partir das 10,00 horas. Esta andaina estaba previsto que se realizase o pasado 29 de abril, pero por motivos meteorolóxicos houbo que suspendela. Agora, conforme ás previsións meteorolóxicas, agárdase que o tempo sexa bo e poida desenvolverse este domingo. Trátase dunha actividade deportiva para recadar fondos para as persoas máis desfavorecidas do concello. Os fondos recadados entregaránselle a Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns. Todos os participantes terán que facer unha pequena doazón de 3 euros. Nesta iniciativa tamén colabora o Club de Atletismo Milla Raio.

Esta andaina desenvolverase pola senda verde, que une Bertamiráns e O Milladoiro a través de camiños de vello e de pistas forestais novas que percorren zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico. A saída está prevista para as 10:00 horas, pero haberá dous puntos de partida, un na Praza do Concello, en Bertamiráns, e outro no parque infantil de Ventín, no Milladoiro. As persoas que saian dende O Milladoiro andarán unha distancia de 14 quilómetros, mentres que os participantes que partan dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, percorrerán 12 quilómetros.

Os camiñantes encontraranse nun punto intermedio, no campo da festa de Bugallido. Neste lugar establecerase un punto de avituallamento. Os participantes poderán levar algo para comer co fin de repoñer forzas. Tamén haberá sorteo de agasallos. Posteriormente, os camiñantes volverán cara ao punto de partida. A andaina terá unha dificultade media e está dirixida ás persoas que lles guste camiñar e gozar da natureza. Recoméndase levar auga e calzado cómodo.