Pestanas principais

Un total de 50 nenos/as de primeiro de infantil do CEIP Agro do Muíño participan nun obradoiro para coñecer os animais do solo na Aula da Natureza

Venres, 16 de marzo de 2012

[16-03-2012] Un grupo de alumnos do primeiro curso de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, de entre 3 e 4 anos de idade, participaron hoxe pola maña nun obradoiro para coñecer os animais do solo e explorar como se relacionan coa contorna que os rodea. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contou cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Así, os nenos e nenas visitaron unha carballeira, que está ao lado do edifico da Aula da Natureza, para recoller follas e terra e depositala nunha bolsa. Posteriormente, volveron ao interior da Aula da Natureza para esparexer a terra encima dunha tea e ver os animais que viven no solo. O obradoiro desenvolveuse entre as 10:00 h e as 13:30 horas.


A Aula da Natureza está aproveitando o seu novo espazo físico, situado na parroquia da Ameixenda, para levar a cabo unha serie de actividades propias coas que dar a coñecer entre os máis novos do concello os diversos elementos da natureza. Así, dende a concellería de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade púxose en marcha un programa de actividades dirixidas ao alumnado dos centros educativos amienses.

A coordinadora da Aula da Natureza foi a encargada de impartir o obradoiro de animais do solo, que estivo divido en tres partes. A primeira parte do obradoiro desenvolveuse no interior do edificio da Aula da Natureza, onde se lles falou aos nenos/as sobre os animais que viven no solo (saltóns, formigas, vermes, etc.). Tamén se lles preguntou aos rapaces e rapazas polos animais que eles coñecen. A coordinadora da Aula da Natureza realizou un terrario de miñocas de terra para que os nenos/as puidesen ver como se moven, como constrúen galerías na terra e como foxen da luz.

A continuación, os rapaces e rapazas saíron a unha carballeira, que está preto do edificio da Aula da Natureza, para recoller follas e terra que depositaron nunha bolsa. Unha vez chea a bolsa volveron para o interior da Aula, onde botaron a terra encima dunha tea grande. Deste xeito, puideron observar a gran cantidade de bichos e animais que viven no solo. Antes de pasar a seguinte parte do obradoiro o alumnado fixo un pequeno descanso para almorzar.


Tralo descanso os nenos e nenas viron unha exposición de insectos que pertence á Universidade de Santiago de Compostela. Os rapaces e rapazas puideron coñecer todos os insectos e pequenos bichos que viven na terra, na madeira e entre as follas. Por último, os nenos/as fixeron unha pequena manualidade para levar para as súas casas e así lembrar o obradoiro no que participaron. Cómpre lembrar que toda a terra e follas que se empregaron para o desenvolvemento das diferentes actividades que se realizaron, ao rematar, volvéronse a depositar no seu lugar de orixe.

As concellarías de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade e de Cultura, Educación e Patrimonio están a promover unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo fomentar o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.